"O cambio climático continúa a existir, malia que estea a recibir menos atención neste momento", afirmara días atrás a ministra alemá do Ambiente, Svenja Schulze, para xustificar que se mantivese esta semana ─aínda que de forma telemática─ o 11º Diálogo de Petersberg, o congreso internacional sobre o quecemento global que se organiza anualmente en Berlín.
Alemaña acolle o Diálogo cada primavera desde o fracaso da Conferencia da ONU sobre o Cambio Climático de 2009 en Copenhaguen (COP15). Como anfitrión ─canda o Reino Unido, que preside a suspendida COP26 prevista para este 2021─ focalizou esta edición nunha "recuperación sustentábel" en resposta á crise pola COVID-19.
Schulze, ministra do Partido Socialdemócrata (SPD) no goberno de coalición coa Unión Demócrata Cristiá (CDU), sinalou que "ao contrario do que acontece co coronavirus, contra a crise climática xa coñecemos as vacinas. Están dispoñíbeis, son accesíbeis economicamente e fan que a vida sexa mellor". Os paquetes de estímulo económico, incidiu, neste sentido, deben estar deseñados coa protección climática en mente.
Unha trintena de representantes ministeriais de Gobernos de todo o mundo, ademais de membros da comunidade científica, participaron nesta cimeira, que cobrou especial importancia debido á cancelación da COP26. Ademais, por vez primeira, deuse voz a representantes municipais e tamén a ONG, empresas e sindicatos.
Compromiso alemán
Na súa intervención, a primeira ministra Angela Merkel comprometeuse por vez primeira en público coa proposta da Comisión Europea de elevar o obxectivo da redución de gases de efecto invernadoiro a entre 50% e 55% para 2030. O Executivo comunitario traballa neste plan que lidera o vicepresidente para o Acordo Verde Europeo, o neerlandés Frans Timmermans.
Bruxelas considera imprescindíbel elevar esa meta desde o 40% actual co fin de cumprir co compromiso estabelecido pola UE de alcanzar a neutralidade climática para 2050. É dicir, emisións netas cero: a fin da era dos combustíbeis fósiles.
O compromiso de Merkel chegou tras as reticencias previas de Berlín e despois das presións das organizacións ecoloxistas. Científica e ex ministra do Ambiente, foi mesmo bautizada no seu momento como "a chanceler do clima" polo seu compromiso na loita contra o quecemento global e agardábase un movemento neste sentido. As ONG recibiron con satisfacción o anuncio, aínda que agardaban maior concreción.
Neste sentido, Schulze matizou que o the Goberno alemán aínda non chegara a un acordo sobre cal das dúas cifras apoiaría, se 50% ou 55%, unha diferenza notábel. En Alemaña, motor económico da UE e país decisivo para os compromisos co clima, hai grandes multinacionais que apostan por dar pasos amplos, como é o caso da farmacéutica Bayer ou da siderúrxica ThyssenKrupp. Porén, desde a Federación de Industrias Alemás (BDI) pediron non pór mais peso sobre as costas das empresas xa golpeadas pola actual crise.
Empregos verdes
Pola súa banda, o secretario xeral da ONU, António Guterres, afirmou na súa intervención que, ao igual que o coronavirus, o cambio climático tampouco entende de fronteiras. No contexto da pandemia ábrese "unha fiestra de oportunidade rara e curta para reconstruír o noso mundo para mellor", dixo, e propuxo seis accións climáticas.
Primeiro, que os billóns destinados á recuperación deben servir para crear novos empregos e negocios mediante unha transición limpa e ecolóxica, acelerando a descarbonización da economía. Segundo, que o diñeiro dos contribuíntes utilizado para rescatar as empresas se invista na creación de empregos verdes, e non para salvar industrias anticuadas e contaminantes.
Terceiro, que as economías grises se transformen en verdes mediante a capacidade impositiva, cunha transición xusta sen deixar a ninguén atrás. Cuarto, que se invistan os fondos públicos en proxectos sustentábeis pensando no futuro, poñendo fin aos subsidios dos combustíbeis fósiles.
Quinto, que o sistema financeiro mundial deixe de ignorar o prezo que paga o planeta por un crecemento insustentábel. E sexto: unidade para resolver ambas as dúas urxencias, a climática e a do coronavirus.
Con todo, Guterres recoñeceu que a clave para combater a crise climática reside principalmente en dous países. "O Acordo de París foi posíbel en gran medida grazas ao compromiso dos Estados Unidos e da China. Sen a contribución dos grandes emisores, todos os nosos esforzos estarán condenados", dixo.