O Museo do Pobo Galego acolleu o acto esta sexta feira, en que tamén participaron o conselleiro de Cultura Román Rodríguez; o presidente da fundación Antonio Fraguas Justo Beramendi; a presidenta do Consello da Cultura Rosario Álvarez; o alcalde de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela; a concelleira de Acción Cultural de Compostela Branca Novoneyra; e o director de contidos da CRTVG Fernando Ojea.
“O Ano Fraguas será unha boa oportunidade para reivindicar as raíces populares do idioma e da cultura popular que o etnógrafo tanto estudou e contribuíu a dignificar, seguindo o ronsel da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos ao que el mesmo pertenceu”, afirma a Academia.
As iniciativas e accións coordinadas pola Real Academia Galega poden consultarse nesta ligazón. Pero entre as principais que salienta a institución da rúa Tabernas atópanse a tradicional sesión solemne do seu pleno, que será no Concello de Cerdedo-Cotobade o propio 17 de maio.
A web Primavera das Letras achegará ao alumnado de infantil e primaria recursos lúdicos e didácticos arredor da vida e obra de Fraguas. Os 26, 27 e 28 de novembro, numerosos especialistas participarán no simposio organizado pola Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega.
A Xunta de Galiza promoverá, ademais, a exposición itinerante Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, a partir de abril. Mostras bibliográficas percorrerán as bibliotecas do paíse haberá conferencias ou concertos arredor de Fraguas.