A Academia di adeus a “brote” e ola a “gromo”

O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou incorporar ao Dicionario novas entradas e acepcións relacionadas co vocabulario da pandemia de coronavirus.

COVID-19
photo_camera Covid-19

Entre elas figuran as solucións gromo para denominar a aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar; e mais repunta para se referir á nova aparición de algo, especialmente dunha enfermidade epidémica nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición.

A última actualización do Dicionario, visíbel desde esta terza feira, incorpora ademais outras voces científicas que irromperon na linguaxe cotiá por mor da pandemia como triaxe, gotícula, polimerase ou cápside.

A palabra gromo designa orixinalmente o pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores, tamén denominado en galego abrocho, bota, botón rebento ou xema.

A recomendación da voz gromo para se referir á "primeira manifestación ou aparición de algo", de forma xenérica, e especialmente á "aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar" realizouse tendo en conta non só a súa coincidencia coas principais motivacións semánticas das linguas románicas do contexto ibérico, que establecen un paralelismos entre a aparición de doenzas como a covid-19 co agromar das plantas.

Tamén se adopta, indica a RAG, "pola súa clarísima galeguidade; por estar documentada no sentido botánico xa dende o século XIV; polo enorme uso literario e noutros textos de carácter culto dende o século XIX; pola gran vitalidade que segue a posuír na fala e polas facilidades que ofrece para ampliar, de ser necesario, a súa familia léxica. Esta conta xa co verbo agromar, cuxa entrada se enriquece coa acepción "manifestarse de forma repentina" cando se refire a unha doenza".

Comentarios