A Academia comunica que non prolongará o ano Carvalho Calero

A crise sanitaria provocada polo novo coronavirus e a declaración do estado de alarma frustraron a conmemoración do ano Carvalho Calero, a quen a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2020. A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura solicitou prolongar a 2021 a celebración completa da persoa e da obra do autor, unha petición que a RAG vén de rexeitar nun escrito dirixido á presidenta do colectivo.

 

Acto institucional de presentación de 'Ricardo Carvalho Calero, orador' no Parlamento da Galiza o pasado 2 de outubro.
photo_camera Acto institucional de presentación de 'Ricardo Carvalho Calero, orador' no Parlamento da Galiza o pasado día 2 (Arxina).

En xuño de 2019, o plenario da Real Academia Galega decidiu decicarlle o Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero. O seu nome saíu adiante con 21 votos a favor, un voto en contra e un en branco a partir de dúas propostas distintas que apoiaban unha candidatura única. Mais a súa designación era unha demanda de vello que requiriu de "nove intentos" como recoñeceu a súa filla, María Victoria Carballo-Calero Ramos, o propio día en que foi elixido despois de tantos anos como eterno candidato.

"Non me parecía xusto. Por iso, a miña primeira reacción é de agradecemento ás persoas que ano tras ano e contra todo mantiveron a súa figura como exemplo de dignidade, coherencia e liberdade, ademais dos tributos de literato, científico e escritor. Había unha parte da sociedade que non se explicaba que pasaba aí", afirmou en referencia ás reticencias da RAG en tentativas anteriores.

Unha homenaxe frustrada

A escolla oficial de Carvalho Calero contentou as reivindicacións dun amplo sector da vida social e cultural da Galiza que durante moitos anos insistiu en conmemorar a persoa e a calidade da súa obra como ensaísta, poeta, narrador, divulgador e teórico do achegamento ortográfico da lingua galega ao portugués.

Pero a pandemia da Covid-19 provocou unha crise sanitaria que "determinou a suspensión de todos os actos programados en honra do dedicatario do Día das Letras Galegas deste ano 2020". 

É lamentábel que a RAG se distinga desafinadamente da coral de voces que expresaron reiteradamente a conveniencia de prolongar ao ano 2021.

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura foi a primeira en dirixirse de forma oficial á Real Academia Galega para propoñerlle "respectuosamente" que "dedique de novo o ano 2021 á celebración completa e debida da persoa e obra de Ricardo Carvalho Calero". Foi no mes de abril, un día despois de que a RAG avanzase a súa decisión de adiar ao 31 de outubro -coincidindo co 110 aniversario do nacemento do escritor, o 30 deste mes- a celebración oficial do 17 de maio.

O colectivo que preside Pilar García Negro trasladoulle á Academia a "excepcionalidade" da súa solicitude "máis que xustificada pola gravidade da situación que estamos a padecer", unha "singularidade que aconsella tomar medidas igualmente inusitadas", expuxo.

Galiza Cultura defendeu entón a posibilidade de alongar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas "ao grande galego e ilustre escritor, cuxa persoa e obra merecen ser lidas, comentadas e valoradas como merece unha tan relevante personalidade das nosas letras e da nosa historia contemporánea", con independencia dos actos cuxa programación se puidese retomar en datas vindeiras.

Tempos de incerteza

A proposta da Federación de Asociacións Culturais foi secundada por outras entidades máis que co paso dos meses confirmaron "a imposibilidade de organizaren actos de divulgación e recoñecemento de Carvalho Calero por todo se ter detido ou limitado desde o mes de marzo". Así o recolle un segundo comunicado que Galiza Cultura divulgou e trasladou de novo á RAG a finais de setembro, após o seu convivio anual no que acordaron, por unanimidade, "prolongar ao ano 2021 a celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero" co obxectivo de que "se poida realizar en condicións semellantes ás doutros anos e outros dedicatarios".

As asociacións reunidas o 26 de setembro na Casa-Museo Manuel María decidiron estender o ano Carvalho Calero sen coñecer a resolución última da RAG a respecto da súa solicitude. No seu día, a Academia trasladáralles a súa intención de "permanecer atenta á evolución da pandemia", consciente dos "tempos de incerteza" que corren. "En función desta evolución", anticipou entón a presidencia da institución, "non descartamos outras posíbeis opcións, sempre na liña de render a homenaxe debida, e nas debidas condicións, á figura dedicataria das Letras Galegas".

Nova escolla para 2021

A determinación de Galiza Cultura de estender o ano Carvalho Calero ao 2021 motivou unha nova onda de solicitudes dirixidas á Real Academia Galega para que se sume á esta iniciativa, mais segundo puido saber Nós Diario, a institución dedicada ao estudo e á promoción da lingua galega xa confirmou que "a nosa idea é elixir no seu momento unha nova persoa e unha nova obra para a celebración -do Día das Letras Galega- no ano 2021".

Nunha carta remitida a Galiza Cultura, á que tivo acceso este xornal, a RAG defende "o grande esforzo" que está a facer "para a difusión da obra de don Ricardo, animando todas as iniciativas relacionadas coa ela e activando a súa presenza mesmo nos ámbitos escolares, que é onde a pandemia pode causar máis limitacións". 

A nosa idea é elixir no seu momento unha nova persoa e unha nova obra para a celebración no ano 2021.

A misiva recolle, ademais, que "en dúas sesións plenarias a RAG abordou o tema e reafirmouse, por unanimidade de todos os presentes, en manter a tradición de nomear cada ano unha figura nova para a conmemoración do 17 de maio". Se ben, fontes consultadas por Nós Diario aseguran que o debate produciuse fóra da orde do día, de maneira informal e sen votación, polo que ningunha resolución pode ser firme. E inciden en que "abondan tres sinaturas que referenden a continuidade do ano Carvalho Calero para que deba ser considerada". Ademais, apuntan, segundo recollen os estatutos da Academia, "na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o plenario escollerá a persoa a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro", polo que á espera de que teña lugar o acto central deste ano, o 31 de outubro, "a decisión non pode estar tomada".

Con todo, desde Galiza Cultura dan a decisión por definitiva. "É lamentábel que a RAG se distinga desafinadamente da coral de voces que expresaron reiteradamente a conveniencia de prolongar ao ano 2021 a celebración que merece Ricardo Carvalho Calero coma outros dedicatarios e dedicatarias do Día das Letras Galegas", segura a este medio Pilar García Negro.

Galiza Cultura apela aos argumentos da "polifonía" que reivindica a extensión do ano Carvalho Calero asegura que "medida das súas posibilidades as asociación culturais federadas  van organizar e programar actividades para homenaxear debidamente a súa obra e a súa persoa", como acordou por unanimidade o Concello de Ferrol ou tamén a Real Academia Galega de Belas Artes de trasladar ao ano que vén a conmemoración do Día das Artes Galegas 2020, dedicado a Domingo de Andrade.

Comentarios