Un cuarteto musical de luxo mais efémero: aCadaCanto

A feliz promiscuidade da música galega dá agora a luz a aCadaCanto, un traballo asinado por Xabier Díaz, Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández. Cando aínda está botando a andar, xa o tema “Teu nome por mar e terra” rula con forza pola rede.


Se sumarmos as propostas artísticas dos catro nomes que asinan aCadaCanto, poderemos ter bo reflexo da potencia e solidez do panorama musical galego. Cada unha destas persoas participou en distintas composicións, Nordestinas, Espido, Berrogüetto, Nova Galega de Danza…por citar só algunhas delas. Individualmente, en pares ou mesmo en tríos poderiamos colocar @s catro compoñentes do novo traballo nas distintas agrupacións musicais. Guillerme e Xabier Díaz son membros de Berrogüetto, grupo en que se escoitou a voz de Guadi; Xabier Díaz contou con Romero e Guillerme Fernández no su inicial Músicas de Salitre, Guadi cadrou tamén con Guillerme en Espido e Xavier e Guillerme conxeniaron para publicar o disco Arrolos de Salitre. 

ACadaCanto é a nova aposta destas catro xa figuras da nosa música que coinciden nese cadrado con catro puntas en que se tece un traballo compacto e cunha liña estética definida. Como acontece noutros proxectos en que participan, este é de novo efémero, dura o tempo de presentación e xira e após diso esvaerase ao se centraren cada unha delas nas súas traxectorias. Mais, antes de que iso aconteza, ACadaCanto vibrará con forza nos palcos das cidades galegas, a comezar o día 8 de xuño no Rosalía de Castro da Coruña ou o 13 de xuño no Principal de Santiago de Compostela.

Confesan que aCadaCanto naceu nunha conversa nun descanso do concerto de Fuxan os Ventos en Ourense, en que @s catro participaban. Ao cadrar uns con outros, decidiron cadrar de vez @s catro xunt@s e naceu así este cuarteto con que evocan as grandes formacións musicais, dos Beatles a Os Gaiteiros de Soutelo. O disco, como boa parte dos proxectos culturais deste tempos, emprega a fórmula de crowfounding para o seu financiamento.
AcadaCanto constitúe, ao mesmo tempo, o sexto título que sae da man do selo discográfico Músicas do Salitre, formado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Coa súa sinatura viu a luz en 2005 o primeiro título Músicas de Salitre, para seguir con Espido de Guadi e Guillerme, Coplas para Icía de Díaz, Benzón de Guadi e Arrolos de Salitre de Xavier Díaz e Guillerme Fernández, os titulares da proposta.

Máis en Ao vivo
Comentarios