Opinión

Abrir a porta

Estamos a nada de abrir a porta para entrar no ano noviño e fresco. Desde o teito deste vello (e rabudo) tócanos botar contas para mirar para adiante e coas experiencias buscar melloras de vida e de pobo. Non nos levaría por bo camiño rexeitar afrontar problemas que son importantes para Galiza. Sería ben facer ver (e seguir buscando) a maneira de que se note claramente a nosa vontade de decidir libremente desde acordos amplos e transversais. Estamos nas oportunidades de (re)pensar moitas cousas e vivir tempos políticos de propostas colectivas para participar comprensivamente no noso futuro, pois esta realidade, sufríndoa, non nos satisfai. Miremos outras cousas para buscar as nosas realizacións, xa que facelo non nos conduce a ningunha crise permanente como nos queren dar a ver (e tanto nos advirten). Non marcharemos polo barranco abaixo. Os remedios para a nosa situación e as maneiras de aplicalos serán cousa nosa (de pobo). As conquistas, desde políticas do ben común, viables, asumidas con sentir democrático, non significan soamente a supervivencia. No noso ADN político, vivindo en galego, non debese cultivarse o pesimismo. Pois… a que nos gustaría vivir na Galiza máis xusta e máis igualitaria? A que tamén desfrutar deste pobo que se atopou e que busca nel todos os días para construírse, conservarse e defenderse?.

Ao abrir a porta do ano noviño e fresco fagámolo coa ilusión de nos afastar de tanto desastre e tamén do pacto de canallas que nos queren cargar a factura desta pandemia. Superemos a verdade “oficial”. Celebremos este noso pobo que escribirá xustiza.

Comentarios