Opinión

Abrindo as portas para coñecer Moraime

Moraime conta xa cun libro que vai permitir ler este significativo ben cultural e que foi declarado BIC xa no ano 1972. Unha guía, escrita por Xan Fernández Carrera, válenos para percorrer este interesante lugar durante tempo maltratado, mais que ten atraído a varios estudosos e sorprende enormemente aos visitantes. Esta atracción chocaba co abandono e o descoñecemento, mais ao achegármonos podemos quedar sorprendidos pola monumentalidade do templo, polos programas escultóricos de dúas das súas fachadas, polas pinturas do seu muro norte, así como pola súa historia.

Aquí houbo un asentamento romano, agora moi estragado e invisible. A información que temos é pouca. No mesmo emprazamento asentáronse os xermanos, que lle deron continuidade ao lugar. Este período proporcionou algúns achados interesantes, hoxe gardados no museo do Castelo de Santo Antón. Despois viñeron os monxes bieitos que non só ergueron un magnífico templo, senón que organizaron o territorio e, con toda probabilidade, sen eles non teríamos hoxe, por exemplo, nin o santuario da Virxe da Barca, tampouco a súa lenda, nin a prolongación do camiño de Santiago cara a Muxía e Fisterra.

Aquí houbo un asentamento romano, agora moi estragado e invisible. A información que temos é pouca. No mesmo emprazamento asentáronse os xermanos, que lle deron continuidade ao lugar.

Que Moraime non era un mosteiro calquera móstrao unha lenda que di que aquí estivo agochado un rei. Sería o conde de Traba, titor de Afonso Reimúndez, o fillo de Reimundo de Borgoña e Urraca, quen elixira este lugar non para “agochar”, senón para educar e protexer o infante Afonso, quen en 1110 sería proclamado rei de Galiza, e faríao aquí porque Moraime era entón un lugar seguro, prestixioso e prestixiado. O prestixio tamén o sinalan as varias tampas de sartegos das xentes que puideron elixir este lugar para seren enterrados, tampas que agora están expostas no interior do templo e tiveron moitos anos tiradas á intemperie, borrando as súas marcas e dificultando a súa lectura, cando non rompendo ou simplemente desaparecendo para borrar a memoria.

A importancia vén tamén sinalada polo papel xogado polos seus abades nalgún momento determinado da nosa historia, como puido ser a participación na elección de Diego Xelmírez como bispo da sé compostelá, ou cando loitan por manter a súa independencia ante a imposición dos chamados reis católicos -os menos católicos de todos os reis, dicía don Antonio Fraguas- dunha dependencia directa de Valladolid. Despois viría a decadencia, pasando por ser priorado e acabando en simple parroquia. O mosteiro e o seu edificio desapareceron e quédanos unha magnifica casa reitoral, tamén abandonada durante décadas, perdendo a documentación parroquial e a do mosteiro, convertida agora nun hostel.

Na década de 1960 descóbrense as pinturas baixo o cal da parede do lateral norte, que serán desencaladas na década seguinte mostrando todo un relato sobre os vicios e as virtudes.

Na década de 1960 descóbrense as pinturas baixo o cal da parede do lateral norte, que serán desencaladas na década seguinte mostrando todo un relato sobre os vicios e as virtudes. No ano 1972 aparecen restos arqueolóxicos ao abrir unha gabia nunha leira lindeira co templo, o que leva a unha intervención na que se descobre o que podía ser unha importante vila romana e un asentamento dos xermanos con varias tumbas. Mais o abandono e o desleixo, xunto á case nula información que deu o director da escavación, acabaron por impedir que a sociedade goce hoxe deste xacemento. E nese ano de 1972 tamén foi declara a igrexa como BIC (a denominación era entón outra) e comezaron as actuacións para a súa prevención. Pese a esta declaración e interese nas melloras, as pinturas estiveron a punto de desaparecer e o templo foi rodeado dun amplo cemiterio que ningunha administración quixo deter, como non se detivo a destrución do xacemento arqueolóxico.

A xente que asistiu á presentación do libro Moraime. Centro histórico da Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera, mostrou que a sociedade precisa do patrimonio cultural e ten interese en coñecelo. Só desde o coñecemento se pode apreciar e valorar e só a sociedade civil pode salvagardalo. A difusión é unha estratexia para a protección. É o interese colectivo e público  o que lexitima o patrimonio máis que os valores historicistas das diversas disciplinas. O patrimonio enxértase no presente polo uso actual que del fai a sociedade e, polo visto aquí, semella que a sociedade quer que Moraime teña as portas abertas para acceder e poder gozar deste ben.

Comentarios