Opinión

Abrindo camiños para celebrar a patria galega

O Día da Patria Galega, 25 de xullo, convócanos a Compostela e achéganos a múltiples realidades que escenifican as carencias que soporta a sociedade galega. Continúan as alarmas sobre ese  tempo parado, no mais insólito das precariedades, isto acontece cando se tolera aos que desgobernan o noso país. Non inmutarse ante declarados prexuízos que causan os que dominan a política en Galiza é un claro consentimento, un fraude persoal. Mais o noso país, nos silencios en que o contemplamos, podemos manifestar con acentos do pasado: E pur si muove. A nosa nación móvese na esperanza que abre certezas. A nosa fala aviva a voz persistente que nos empraza a continuar en pé, consolidando vangardas que propician avantes e logros fronte aos que teiman en deter o noso destino. Son os mesmos que persisten constantemente de  ficar parados en espazos e tempos inmerecidos. A nosa Galiza vai aos poucos, mais a pesar de todo móvese, coa inercia de seus atributos e tomando conciencia de ser un país colonizado que aspira á súa liberación.

É verdade que continuamos construíndo pontes con sólidos perpiaños, como os que elevaron no medievo aquelas maos románicas e góticas. Así persistiron tantas xeracións elevando os arcos de paso, eses foron os reconstrutores da nación renacida. Aí están os pilares resistentes que testemuñan a memoria dos precursores, coa voz defensiva do Cura de Fruíme contra o escarnio colonialista; o Pai Sarmiento recuperando voces galegas que se perdían, e sendo un dos críticos contra os agravios que os monarcas de Castela cometían en Galiza. Nesa inmensa e simbólica ponte patriótica están as pedras ven colocadas, medidas e ergueitas polos provincialistas de Faraldo; polos que se unxiron co perfume da flor primaveral da palabra liberada por Rosalía; polos rexionalistas de Murguía e Brañas; polos movementos agraristas; polas Irmandades da Fala de Vilar Ponte; pola Xeración Nós de Castelao, Otero Pedrayo, Risco, entre tantos outros; polos que fixeron posíbel a creación do nacionalismo galego postulado por Castelao, que deu persistentes azos á orixe do Partido Galeguista e ás súas conquistas no período da II República; polos que construíron combate e nación no longo período da ditadura franquista; polos que crearon organizacións políticas, exclusivamente viradas cara a nosa emancipación nacional. Esa ponte inicial continúa en alza, grazas a tantas xeracións de galegos que colocaron pedra a pedra a suntuosa ponte, ese monumental paso transcendente. Esas  pontes históricas dannos paso a camiños non andados, por onde temos a obriga de camiñar, como mensaxeiros da liberdade da patria.

As torres de Compostela, con seu granítico resplandecente, proclaman a medida e o talento do esforzo dos galegos que souberon construír a súa patria intransferíbel. Aí está a memoria dos tempos idos que continúa mantendo o relato daquela presenza, en que os galegos manifestaron que a reconstrución da nosa nación, ademais de ser posíbel, ten que ser auténtica no desafío que a actualidade social e cultural do noso país demanda dos galegos, que perseveren na conciencia nacionalista. É preciso a autoestima dos “bos e xenerosos” para avanzar e transcender, lexitimando conquistas, como alerta a letra do noso himno nacional: “a nosa voz pregoa / a redenzón da boa / nazón e Breogán”.

Os pregoeiros da Galiza irredenta, reiteran a necesaria lembranza de espertar do sono que nos cativa na indiferencia de aceptar o inaceptábel. Galiza precisa andala e pregoala con voz ergueita, por eses camiños abertos e solidarios que os nosos devanceiros endereitaron tantos  camiños que conducen as nosas andainas ao centro das emocións e dos sentimentos do herdo e da pertenza que manifestan na cultura e na fala, un dos atributos que respira e manifesta a lexitimidade de ser galegos. De formar parte dunha comunidade estábel, que na situación actual é preciso defendela dos impertinentes atentados e depredacións que se cometen continuamente co noso país.  

Comentarios