Abrente constitúese como corrente no BNG para achegar “outro xeito de entender o nacionalismo”

Carlos Aymerich foi elexido secretario executivo de Abrente–Esquerda Democrática Galega, que terá na súa Dirección Nacional a persoas como Camilo Nogueira, Suso Veiga, Ana Luisa Bouza ou alcaldes de Bueu e Tomiño
Dirección Nacional de Abrente
photo_camera Dirección Nacional de Abrente

A Facultade de Xornalismo acolleu o parto oficial de Abrente-Esquerda Democrática Galea, unha corrente que nace desde “a lealdade ao BNG”, en reiteradas afirmacións de membros da súa Dirección Nacional, e coa intención de achegar á frente outra visión do nacionalismo. Entre os e as presentes nesta Conferencia Constituínte, había membros do grupo parlamentar do BNG, do seu Consello Nacional e alcaldes como os de Bueu, Tomiño ou Rianxo, entre outros.

Tamén asistiu ao acto de clausura unha delegación da frente nacionalista, integrada por Guillerme Vázquez, Bieito Lobeira (UPG) e Rafa Villar (MGS)

“Parabéns e grazas”

Sandra González, alcaldesa de Tomiño e integrante da Dirección Nacional de Abrente, comezou a súa intervención no acto de clausura dando as “grazas e parabéns a todos e a todas as que optastes por quedar na casa común”, en referencia á decisión de Máis Galiza de abandonar o BNG. “Parabéns por non escoller a opción fácil, deixar o barco no medio da tormenta. E grazas porque as organizacións constrúeas a xente”.

González avogou pola “lealdade e o compañeirismo” e sinalou que “hoxe, entre todos e todas, marcamos aquí a ruta doutro xeito de entender o nacionalismo galego moderno”. E sempre, engadiu, “desde a lealdade”.

A alcaldesa do BNG finalizou animando @s presentes a traballaren en Abrente e o BNG co obxectivo de “gañar a confianza dos galegos e as galegas”.

Aymerich: “Seguimos defendendo uns valores no BNG porque temos espazo para facelo”

Carlos Aymerich, secretario executivo de Abrente, foi o responsábel de clausurar a Conferencia Constituínte. Afirmou que a decisión de continuar no BNG tomouse por “responsabilidade” (“non queremos colaborar co PP”) e por “coherencia democrática” (“demos unha batalla dentro do BNG e seguiremos defendendo eses valores no BNG, porque temos espazo para facelo”).

Aymerich calificou ao Bloque Nacionalista Galego como “patrimonio común do país” e animou @s presentes a “reconstruir un BNG que é diferente ao de 1982”. O secretario executivo de Abrente pechou a súa intervención cun Viva Galiza Ceibe.

Alternativa a este sistema

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, animou  Esquerda Democrática Galega a “afortalar o BNG con pluralismo e unidade” e incidiu na fronte nacionalista como alternativa a “este sistema, que non ten alma nin corazón, e é depredador da vida e facenda das persoas”.

Comentarios