Abel Caballero recorrerá a sentenza para manter no Castro a cruz falanxista

Cruz do Castro
photo_camera Cruz do Castro

Levaba seis anos rexeitando a reclamación de derrube da cruz Castro e agora recorrerá a sentenza xudicial que obriga ao Concello de Vigo a retirar o monumento falanxista. O alcalde Abel Caballero (PSOE) anunciou en declaracións aos medios de comunicación que o concello presentará recurso xudicial, única vía para que a inmensa cruz continúe no monte do Castro. 

O alcalde Abel Caballero foi a única voz que mostrou a oposición á sentenza das que se escoitaron dous días despois de se facer público o ditame que obrigaba a derrube da cruz, un dos símbolos do franquismo que perduran en territorio galego que concitou maior oposición veciñal. A favor de cumprir a sentenza mostráronse forzas sindicais e políticas que reclamaron que se retire o monumento. 

Segundo recolle o xornal Vigodixital, ao longo de toda a xornada se foron producindo valoracións de distintas organizacións para valorar a sentenza xudicial. A voceira do BNG, Iolanda Veloso, lembrou que a súa organización leva xa anos presentando iniciativas contra a simboloxía fascista e, en especial contra a cruz e manifestou a oposición a que o concello presente recurso e pediu retirala o “antes posíbel”. Referiuse á Lei da Memoria Histórica aprobada no goberno do PSOE para facer notar a contradición na que entra o goberno local de Caballero. O PP dixo respectar a sentenza e pediu un informe xurídico do Concello para avaliala, nunha valoración na que dixeron optar por non entrar “no fondo político” da cuestión. 

Comentarios