Abe Rábade publica en disco a súa colaboración coa Real Filharmonía

O pianista e compositor de jazz Abe Rábade vén de plasmar nun CD-DVD a súa colaboración coa Real Filharmonía de Galicia. Sae hoxe á venda. 

abe-mb-04
photo_camera Abe Rábade coa Filharmonía de Galicia (Marta G. Brea)

Abe Rábade Trío estreaba en abril a obra composta por el mesmo para a Real Filharmonía de Galicia que, dirixida por Paul Daniel, se interpretou no Auditorio de Galicia e no de Ourense. 

O traballo recolle a gravación en directo na cidade das Burgas e vén de ser publicado hoxe mesmo por Karonte. 'Tránsitos', que así se titula, divídese en catro movementos que xiran en torno a catro composicións orixinais de Rábade, tres gravadas xa en discos do trío e unha inédita. 

Abe Rábade, que xa está a preparar outro disco con repertorio novo, é unha das referencias do jazz europeo. Licenciado no Berklee College of Music de Boston, desde 2009 é profesor na Escola Superior de Música do Porto, ademais de director artístico do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra xunto a Paco Charlín. Dirixe un trío de jazz acústico que se completa con Pablo Martín (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). Ten publicado como líder once discos, ademais de moitos outros moitos en colaboración con outros artistas, como Nordestinas, con Guadi Galego e Ugia Pedreira. 

A colaboración coa Real Filharmonía de Galicia explícase desde o cambio sufrido na orquestra desde que asumiu a dirección o británico Paul Daniel, que está a facer esforzos por buscar novos públicos a pesar de estarmos a falar dunha sinfónica especialista en repertorio clásico. Actuacións na rúa, Julián Hernández como solista ou esta experiencia con Abe Rábade son algúns dos exemplos. 

Comentarios