Abanca xa exerce como propietaria do Deportivo

Como diría Mafalda, o que está pasando no Dépor non é o "acabouse", senón o "continuose do empezouse" dun proceso que se iniciou en 2007 coa eliminación do límite de posuír máis de 1% das accións e que levou a que o club estea agora en mans dun banco que acaba de instalar no cargo de presidente un ex conselleiro de Fraga.
Á esquerda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, co actual presidente do Deportivo, Antonio Couceiro (no centro).
photo_camera Á esquerda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, co actual presidente do Deportivo, Antonio Couceiro (no centro). (Foto: Nós Diario)

A 'patada' de Abanca a Fernando Vidal e ao resto do seu Consello de Administración, así como a imposición por parte do banco de Antonio Couceiro como novo presidente deportivista, evidenciou o definitivo paso adiante dunha entidade financeira que xa exerce como dona absoluta do Real Club Deportivo.

Isto, ademais, enterra definitivamente o modelo de club participativo xurdido da conversión en Sociedade Anónima Deportiva (SAD) de 1992, polo cal ningunha persoa, empresa ou entidade podía atesourar máis de 1% do total do accionariado e baixo o cal o Dépor viviu a fase máis gloriosa da súa historia. 

A millonaria débeda económica  acumulada durante esa época na que abrollaba leite e mel levou a que en 2007 se eliminase esa limitación, abrindo así as portas ao proceso que culminou na Xunta Extraordinaria de Accionistas do pasado mes de xullo.

Tamén á satisfacción das ambicións de moitas persoas que querían darlle un bocado ao pastel. Pero o que daquela lucía como unha apetitosa torta de mazá (ou de Santiago, ou de Lestedo...) resultou ser un petisco envelenado que se foi amargando máis e máis co paso dos anos e da desastrosa xestión das sucesivas directivas até chegar ao punto de ser "a empresa máis escarallada" que endexamais vira o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet

Golpe de temón

E iso que cando o venezolano pronunciou esas verbas, a comezos de 2020, o equipo aínda militaba na Segunda División e a situación económica non se vira -máis- agravada polo descenso á categoría de bronce e os problemas derivados da pandemia da Covid-19.

Porque -Lei de Murphy- calquera situación, por mala que sexa, é susceptíbel de empeorar, especialmente nun Dépor que parece ser a representación na vida real daquela 'Sala da alma e do tempo' de Dragon Ball na que un día no seu interior equivalía a un ano no resto do mundo. Facendo unha comparación cos veciños do sur, mentres que o Celta durante o último lustro tivo un único presidente, oito adestradores e realizou aproximadamente 40 incorporacións de xogadores, no Dépor sucedéronse no cargo cinco máximos mandatarios, 11 técnicos e asinaron preto de 100 futbolistas, que representan case un equipo novo por tempada.

Ante esta situación, e vendo perigar o seu investimento de 45 millones, Abanca dá un paso adiante e deixa atrás a supervisión a través da figura dun válido representado por David Villasuso, como viña sucedendo até agora, para tomar directamente as decisións a través da súa xente.

E quen é a súa xente? Non xente do fútbol, desde logo, senón da empresa, porque iso é o que é o conxunto branquiazul para Juan Carlos Escotet. "O Deportivo é moito máis que un club de fútbol, é unha empresa que pode xerar riqueza para a súa contorna, e por iso damos este paso", afirmaba en xaneiro de 2020. 

Baixo esa óptica de Escotet resulta comprensíbel que á fronte da entidade pase a estar un home sen relación ningunha co fútbol como é Antonio Couceiro. Presidente de Afigal -sociedade avalista de pemes e autónomos que colabora coa Administración Pública- e da Cámara de Comercio da Coruña, e cun percorrido empresarial por firmas como Begano ou Greenalia, Couceiro foi tamén conselleiro de Industria con Fraga e presidente do PP da Coruña, partido ao que continúa vinculado a día de hoxe.

O novo Consello de Administración reforza a concepción do Deportivo como una empresa

Logo da renuncia forzosa dos membros da anterior xunta directiva, con excepción de David Villasuso, que xa fora designado no seu momento por Abanca como responsábel da área financeira e que, loxicamente, continúa no exercicio das súas funcións, os nomes que acompañarán o presidente Antonio Couceiro no novo Consello son os de Eduardo Blanco -o único con experiencia no fútbol-, o experto en mercadotecnia Carlos Cantó e a produtora Emma Lustres, que torna así na primeira muller directiva na historia do Real Club Deportivo.

Comentarios