Abanca, os riscos da banca mediana

A euforia manifestada polos directivos de Abanca na presentación dos resultados dos tres primeiros trimestres de 2019 non pode agochar as dificultades da entidade para continuar en solitario nun contexto incerto para a banca mediana.

Abanca dirección
photo_camera Dirección de Abanca

Abanca vén de declarar uns beneficios de 401,9 millóns de euros. Os números, divulgados esta semana, destacan a fortaleza da entidade en relación con Liberbank e Unicaja, cuxas ganancias situáronse, respectivamente, en 96 e 159 millóns. Porén, a diferenza de resultados, non é consecuencia da lóxica bancaria ordinaria senón da adquisición , por parte do grupo de Escotet, do negocio retallista do Deustche Bank en Portugal e da Caixa Geral no Estado español.

A entidade financeira, con sé social en Betanzos, significou, tamén, os seus requisitos de solvencia. Abanca declarou un exceso de capital de 1.326 millóns de euros sobre o fixado no CET1, o estándar seguido polo BCE, o que lle permitiría, tecnicamente, mercar Liberbank e Unicaja, os dous bancos nos que estaría interesado Escotet, cun valor en bolsa de 873 e 1306 millóns respectivamente.

Escotet aposta por “novos procesos de integración”

A equipa directiva de Abanca non ten dúbidas. A pasada semana, o máximo accionista da entidade, o banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet, nunhas declaracións recollidas polo diario ABC, recoñecía que “no actual escenario económico e monetario fanse necesarios novos procesos de integración”, confirmaba que “non hai outro camiño” e expresaba a  vontade da entidade de “medrar a través de novas compras”.

A continuidade en solitario de Abanca , na opinión dos directivos do grupo, depende da capacidade para aumentar o seu tamaño mediante operacións corporativos. Nesta lóxica, explicase a compra en marzo de 2018 da filial portuguesa  do Deustche Bank e, a finais dese ano, de toda a rede no Estado da Caixa Geral de Depósitos, aumentando o seu volume de negocio en 13.487 millóns. 

O grupo de capital venezuelano fracasou, meses máis tarde, na súa intención por facerse con Liberbank, a entidade de crédito xurdida da fusión das antigas caixas de Asturias, Cantabria, Castela A Mancha e Estremadura, diante da negativa á operación da equipa directiva, de membros do núcleo duro do accionariado, do regulador europeo e a grande banca, desconformes co proposta e a operativa de Abanca. 

A supervivencia da banca mediana en risco

A necesidade de crecemento de Abanca explicase no escenario dun novo proceso de reestruturación do sistema financeiro europeo, derivado  da crítica saúde das corporacións bancarias e das dificultades que deberan enfrontar como consecuencia dunha conxuntura económica que se anuncia adversa. Nese sentido, a comisión europea, o BCE e as axencias cualificadoras, están esixindo a fusión das entidades de crédito medianas

Sen ir máis lonxe, Standard & Poor's, no seu informe de 2018,  defendía a necesidade da fusións das entidades por baixo de 50.000 millóns de activos, isto é Unicaja, Ibercaja, Kutxabank, Abanca, Liberbank, Cajamar e Caja Laboral,  apuntando que “malia a tratarse de boas franquías locais, os gastos fixos e recorrentes en tecnoloxía, así como as esixencias de capital e de instrumentos financeiros capaces de absorber perdas, dificultaralles a supervivencia a medio prazo”.

A práctica totalidade do sistema financeiro do  Estado entraría nesta nova onda de fusións. As fontes do sector sinalan que o conxunto das entidades de crédito, agás o BBVA e o Banco Santander, pola seu grao de internacionalización, estarían buscando socios, sinalándose as posíbeis alianzas entre Bankia e Sabadell, Unicaja e Ibercaja ou Abanca e Liberbank. 

A fusión de Abanca e Liberbank non convence ao BCE

O acordo con Liberbank é a opción preferida pola dirección de Abanca. Ao seu favor xogarían as potencialidades dunha nova entidade que se situaría como a sexta do Estado, con mais de oito mil cincocentos traballadores, sen practicamente solapamento territorial e complementaria na liña de negocio.

A proposta do grupo de Escotet segue sen convencer ao Banco central europeo. As razóns  desta oposición atoparíanse no interese dalgún dos grandes bancos, concretamente o BBVA ou La Caixa, por facerse con Abanca, unha vez que o Santander se fixo cunha posición de dominio na Galiza, tras a absorción do Banco Popular, propietario do Pastor.

As reservas  do regulador estatal e europeo diante desta operación son coñecidos. O Banco Santander, nun recente informe onde analiza a operación, considera a “Abanca como o comprador máis obvio de Liberbank. A pregunta é se os accionistas de control do banco teñen ou non a suficiente destreza financeira para presentar unha oferta que conte coa bendición do regulador”.

Un novo proceso de concentración de capitais

Os próximos meses asistiremos a un proceso de fusións bancarias ,impulsado e dirixido polos grandes operadores financeiros internacionais, semellante no seu alcance ao que se viviu após a última crise e que afondará na lóxica do proceso de concentración de capitais.

Comentarios