Abanca modifica as condicións do seu programa de contas sen comisión

Abanca deixa fóra do seu programa 'Cero Comisións' as clientas que non teñan domiciliada nómina ou pensión.
Logo na sede principal de Abanca
photo_camera Logo na sede principal de Abanca

É tempada de rebaixas, pero os bancos miran para o seu negocio. Proba diso é a modificación das condicións dalgún dos seus produtos que prepara Abanca, a entidade que domina o mercado financeiro galego. Segundo está a comunicar o banco ás súas clientas, o programa 'Cero Comisións', que exime do pago de comisións ás persoas que cumpran determinados requisitos, vai mudar esas condicións o vindeiro 1 de marzo de 2020, co que moitas das clientas poderían quedar fóra do programa e verse obrigadas a pagar comisións, como por exemplo os 50 euros ao semestre que supón ter aberta unha conta na entidade sen dereito aos beneficios deste programa.

A principal modificación afecta a aquelas persoas que teñen unha conta aberta sen cartilla e operan unicamente a través de internet. Son as que pertencen á modalidade 'Estándar', que desaparecerá no novo programa e, polo tanto, pasarán a pagar tanto por operar coa entidade, como polo emprego das súas tarxetas de débito e crédito, polas transferencias ou polo cobro de cheques, entre outras cuestións. O incremento para unha clienta que teña conta e dúas tarxetas pode supoñer un desembolso de arredor de 200 euros ao ano. Os menores de 30 anos manterán os seus actuais beneficios. 

O novo programa 'Cero Comisións' quedará configurado en tres categorías. A de menores de 16 anos, a de mozas entre 16 e 29 e a categoría Premium, á que terán acceso as clientas que teñan domiciliada nómina ou pensión e teñan un saldo medio mensual por titular en produtos de aforro de Abanca por importe igual ou superior a 500 euros. A maiores deberán cumprir cun requisito asociado á contratación de seguros, o saldo medio en produtos de aforro ou o uso das tarxetas.

Comentarios