Imprimir

Abanca escapa da caída do sector financeiro nos mercados

Pablo Barro | 22 de maio de 2020

O presidente Escotet fala ante a atenta mirada do conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas (Abanca).
O presidente Escotet fala ante a atenta mirada do conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas (Abanca).
O salto á bolsa foi unha das aspiracións de Abanca nos últimos anos. Tivo a posibilidade de debutar no parqué da man de Liberbank, pero a operación non chegou a bo porto. Agora, o banco pode respirar tranquilo mentres outras entidades do sector ven caer á metade o seu valor no parqué pola crise derivada da COVID-19.

Abanca e o seu presidente, Juan Carlos Escotet, teñen desde hai anos a pretensión de dar o salto aos parqués. En 2017, mesmo marcaron o prazo de dous anos para estar cotizando en bolsa. A compra frustrada de Liberbank era o camiño máis rápido para facelo, mais esa opción foi desbotada polas reticencias do consello da entidade asturiana para seguir adiante coa operación. Abanca cambiou o rumbo e apostou en Portugal para seguir medrando. E parece que a xogada non lle saíu mal.  

Hai tres anos, Escotet sinalaba como premisas para comezar a cotizar a de contar cun historial de bos resultados e boa xestión e asegurar o maior valor ás accionistas. Tamén indicaba a necesidade de que as curvas de tipos mudasen, cuestión que parece que non vai acontecer, cando menos a curto prazo. 

Abanca sempre presumiu de ter un perfil prudente e baseado no modelo de banca tradicional. Esa cautela, tamén no que atinxe á saída á bolsa, evitou que a entidade correse a mesma sorte que boa parte do sector. 

Bancos como o Santander, Bankia, BBVA, ou Sabadell están a pagar no parqué as consecuencias da crise económica derivada da COVID-19. 

Até o 20 de maio, Sabadell encabeza as perdas anuais, cunha depreciación de 75%. A súa capitalización pasou de 5.852 millóns de euros a feche de 2019, aos 1.492 desta cuarta feira.

En Bankia a caída é de 54%. Santander, a segunda entidade na Galiza por oficinas e número de clientas, ve reducido o seu valor á metade no que vai de ano. Perde 30.664 millóns de capitalización, que se sitúa en 31.321 millóns de euros.

Outro dos grandes bancos, o BBVA, perde 45% e ve baixar o seu valor en bolsa en 16.000 millóns. E Bankinter máis do mesmo. Depréciase 44% e deixa a súa capitalización nos 3.196 millóns. Todos eles están entre os 10 valores que máis caen do Ibex35.

"O accionariado non ten ningún tipo de présa e pode esperar a que as condicións cambien para saír a cotizar", sinalaba Escotet hai agora un ano. E parece que vai tocar esperar.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/abanca-escapa-da-caida-do-sector-financeiro-nos-mercados/20200521174423098123.html


© 2020 Nós Diario