Opinión

Autoadoutrinamento, adoutrinamento e outros amentos

Dicía o lingüista e filósofo Noam Chomsky que asistimos a un mundo onde xa non existe a verdade obxectiva. Todo é opinavel. Non há expertos, doutos. A penas fican tertulianos. Paradoxalmente, na sociedade do meirande desenvolvemento científico-técnico é onde menor valor ten a verdade obxectiva. Funesta evidencia que nos volta ás mans das supersticións máis perigosas para a liberdade das persoas e das comunidades.

Amais de non acreditar no valor da verdade obxectiva, vivimos en sociedades vixiadas, co parabén dunha maioría que xa comeza a se sentir máis segura baixo a ollada constante dunha cámara de seguridade ou dun dron. A tecnoloxía móbil e o mundo virtual no que navegamos, sen ter nen carnet náutico nen carta de navegación, abre a vía a calquera control estatal ou privado. Orwell, Fahrenheit...ou a distopía de Charlie Brooker, Black Mirrow andan a piques de confluir no mundo real.

Véndennos a independencia persoal como un ben en si mesmo e porén nunca tan dependentes fomos do Estado e das grandes Corporacións

Na era do isolamento -onde os velliños morren en soedade, quer no rural quer na urbe, sen que ninguén os bote de menos ate pasadas semanas e incluso meses-, perdimos o dereito á intimidade sen nos percatar ou incluso coa nosa aquiescencia, nun consentimento tácito que implica aprovación.

Véndennos a independencia persoal como un ben en si mesmo e porén nunca tan dependentes fomos do Estado e das grandes Corporacións. Pasamos dunha ditadura formal onde a censura era legal a un feitío de democracia onde a autocensura predomina.

Ao se devaluar a verdade obxectiva, calquera sospeita pode pasar por certeza. Non precisamos probas nen sequer ritos probatorios ancestrais tan veleidosos como os das pedras faladoiras. Vivimos no mundo do adoutrinamento invisivel e incluso confortavel. O esnaquizamento da realidade en retallos de tempo cronometrado que trouxo a sociedade capitalista fai da comodidade unha actitude tan xeralizada como narcotizante. Daí que o adoutrinamento conviva hoxe co laicismo en perfecta camaradaxe.

O medo e a frieza paralizan e a violencia excedente da que nos fala o filósofo Francisco Sampedro pode atopar vías de escape que consoliden un fascismo doutro verniz onde o abuso e a tortura do outro, teledirixido e interactivo, nos faga cómplices dun poder aterrador. O reality show que recrea un campo de concentración real na novela Ácido Sulfúrico de Amélie Nothomb, onde os verdugos-telespectadores deciden a que concursante asasinar mediante o televoto desde os seus fogares, semella hoxe a fasquía da sociedade que asoma.

Hoxe aínda non nos poden cazar pola rúa ao azar para metermonos nese campo de concentración da novela de Nothomb mais podemos rematar na cadea por autoadoutrinamento, a nos acusar de presunto xihadismo, alegando un impreciso incremento do nível de risco para neutralizar unha presunta ameaza á seguridade pública ou acusándonos de ter asumido medidas de seguridade nas redes ou de consumir propaganda producida por grupos terroristas.

O medo xeralizado e o isolamento desta sociedade vixiada e individualista pode levar este estío global a unha outonía onde abrollen as flores da trama, eses amentos ou inflorescencias tipo acio que, transporten polo vento, nas ondas do ar, ese pole da dominación para o que xa non estamos inmunizados.

E pode que para entón nen sequer fique unha heroína Pannonique que, afoutamente, se negue a ser unha anónima CKZ 114, perante os ollos de nós, verdugos telespectadores.

Comentarios