Opinión

A volta ao mundo en 40 km

Poden pensar (e hai quen pensa) que cada curso escolar remata cando o alumnado pon fin ao deslocamento diario ao seu centro de ensino.

Poden pensar (e hai quen pensa) que o curso escolar pecha canda as sesións de avaliación e a xornada de entrega dos boletíns de cualificacións. Tamén hai quen non só pensa, senón que o lembra con insistencia diaria estival, que o curso é elástico até a convocatoria de avaliación extraordinaria de setembro, período en que, agora si, oficialmente, remata cada curso escolar para saudar o comezo do novo. Mais que tránsito fica por percorrer entre os dous eixos temporais?

Semella ben difícil programar un novo curso sen ter antes ben avaliado o anterior. Que ficou válido da programación inicial? Que intervencións houbo que mudar? Que propostas de mellora cómpre atender?

Os parámetros de avaliación son insuficientes se só reflicten a nosa perspectiva como docentes, isto é, se focalizamos o proceso de ensino-aprendizaxe en nós mesmas, obviando que se trata dun camiño bidireccional, cando menos, e no que actúan, para alén da opinión do alumnado (emisor activo ademais de receptor pasivo), elementos externos (non alleos) como as propias familias e o contorno próximo, que dá forma ao día a día inmediato, e o lonxano, que proxecta os seus impulsos a través das tecnoloxías da información e comunicación.

É neste proceso de compilación avaliadora fundamental para o noso percorrido como docentes onde avaliarmos tamén que aprendemos do noso alumnado. O que tamén implica preguntármonos que aprendemos de nós propios na medida en que nos vexamos reflectidos no espello das súas palabras.

Confrontarmos a nosa praxe docente coa opinión crítica en formación do alumnado que nos observa (ás veces mesmo atende!) é o punto e seguido para avanzarmos nunha profesión esixente, curiosa de seu e exposta a unha aprendizaxe de superación permanente.

Recentemente, un titular informativo anunciaba que un científico galego está a liderar en Nova York (mágoa de aprendizaxes galegas obrigadas a se expatriar!) un traballo que abre vías terapéuticas para o tratamento do ollo vago. No canto do habitual parche do ollo san que obrigue a traballar o ollo preguiceiro, o noso compatriota propón mirar lonxe ao camiñar ou, mellor aínda, mirar ao ceo para subsanar o déficit de cores claras que provoca a ambliopatía.

A docencia obriga a mirar lonxe e alto para non perder as cores nin os matices cos que o alumnado tamén nos vai aprendendo.

A docencia da materia que o currículo oficial denomina como lingua galega e literatura tamén precisa de revisión e avaliación constante.

Probabelmente sexa esta a materia máis sensibelmente exposta aos temporais de ventos e xeadas aterecedoras que atravesan o corpo da sociedade galega.

Con certeza é a materia cuxa aprendizaxe vai moito máis aló dunha enumeración programática de obxectivos, contidos, temporalización, estándares de aprendizaxe, indicadores de logro e demais literatura curricular.

Transmitir o coñecemento e a aprendizaxe da lingua e da literatura galega na escola (que queira ser e deixarse sentir) galega é un pulso gañado ao tempo sen descanso, sen tregua, mais tamén unha tensión permanente no presente para educar na (difícil) comprensión de nosa realidade sociolingüística, maioritariamente allea ao alumnado.

Unha realidade de uso presente, consciente, diario, continuado, como lingua inicial e ambiental, que fixo parte da miña vida profesional como docente ao longo dos últimos vinte cursos. Case parecería que vivo nun país normalizado!

Mais unha realidade que, en apenas 40 km, mudará por outro horizonte que me fará parecer unha profesora máis doutra lingua estranxeira máis dentro do plurilingüe horario escolar.

Será en setembro cando máis precise voltar ás avaliacións entregadas polo meu último alumnado coristanqués para reler máis unha vez aquela anotación de WPC que di “esta materia é algo máis que unha materia, é un sentimento”.

Se cadra ese sentimento foi o que levou a Brais Costas a decidir estudar Filoloxía galega para ser profe de galego “a pesar de poder elegir cualquier carrera” grazas ao seu brillante resultado nas probas de acceso á universidade.

Benvido, compañeiro!

Comentarios