CRÍTICA DE CINEMA

'A viúva', por Andrés Castro

Altamente recomendábel para nostálxicas e nostálxicos dos thrillers noventeiros que non dubidarían un instante en apuntarse nun ciclo de cinema formado por A man que arrola o berce, Atracción fatal, Muller branca solteira busca e Misery.

Estrenos_de_cine-Isabelle_Huppert-Peliculas-Cine_400970583_123686038_1024x576

Frances atopa un bolso extraviado no metro e decide entregarllo en man a súa lexítima dona, Greta Hideg unha viúva estranxeira que vive soa en Manhattan. Frances sinte mágoa e inicia unha amizade coa afable Greta ata que a relación comeza ser demasiado abafante. Pero Greta non aceptará así como así o cambio de criterio da súa nova mellor amiga.

Neil Jordan firma un thriller psicolóxico con cheiro aos anos 90, xusto a década que mellor se lle deu, con achegas como: Xogo de lágrimas, Entrevista co vampiro, The Butcher Boy, A fin do romance ou Michael Collins (ver Sermos Galiza nº75). Por contra, no cambio de milenio non se lle deu tan ben ao director irlandés abranguendo unha traxectoria cinematográfica bastante irregular e chea de altibaixos aos que sumaremos esta última achega... nos “baixos”, claro.

A viúva narra unha inquietante historia de acoso e derribo dunha señora maior a unha cándida moza que comparte piso cunha amiga en Manhattan desde hai pouco tempo. A rapariga é tan boa xente que atopa un bolso no metro de Nova Iorque e decide levarllo á súa propietaria: a viúva do título. Esta agarimosa señora utiliza as súas armas de xubilada feble e indefensa para iniciar unha amizade coa inocente rapaza que non sabe a que se lle vén enriba...

Argumento simple, cheo de trampas, lagoas de guión e cunha cadencia in crescendo moi previsible pero que nos comemos con patacas sen apenas pestanexar grazas un sólido equipo técnico, a sempre sutil mirada de Jordan por contar máis do que aparenta e, sobre todo, unha estupenda Isabelle Huppert (A pianista, Elle), que se envorca cun rigor inusitado (moi propio dela) nun rol de muller obsesiva-esquizoide que podería resultar tópico ou esperpéntico pero que ela o fai seu até límites do calafrío. Atención a escena do restaurante...

Aguanta como pode os envites de Huppert unha Chloë Grace Moretz (Kick Ass, A invención de Hugo) en alza; e, como non, tamén entra en escena Stephen Rea, actor fetiche de Neil Jordan, nun papel de detective que lle queda bastante pequeno, pero que semella “ese favor que non se lle pode negar a un amigo”.

Greta

(Irlanda-EUA 2018, 98 min.)

Dirección: Neil Jordan

Guión: Neil Jordan e Ray Wright

Fotografía: Seamus McGarvey

Música: Dominik Scherrer

Elenco: Isabelle Huppert, Chlöe Grace Moretz, Maika Monroe, Colm Feore, Stephen Rea

Comentarios