Malia que ningunha das mobilizacións que as mulleres levan feito na Galiza en defensa dos seus dereitos, nomeadamente en proldo aborto, atopar acubillo nunha CRTVG dirixida polo PP, non é porque o tema non interese á televisión pública.
Nesta semana, o informativo fíxose eco dunha noticia acontecida nos EUA: o xuízo polo "caso arrepiante" dun médico que practicaba abortos a mulleres que non desexaban ser nais e cuxa gravidez pasaba dos seis meses.
Acúsano de sete delitos de asasinato por matar sete naipelos e unha nai por sobredose de medicamentos. A TVG fala de "horror dos abortos tardíos" e non dubida en colocar as imaxes de naipelos "aos que lles metía unha tesoira polo pescozo para lles cortar a médula espiñal".
Seguindo a axenda da Conferencia episcopal
A información, cun posicionamento claro en contra dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres eque demoniza a práctica da interrupción voluntaria da gravidez ao relacionala directamente co asasinato, foi proposta por un redactor xefe que procura as novas en páxinas web de colectivos ultracatólicos, segundo denuncia o blogue Eu non manipulo, redactado por traballador@s da televisión pública. En efecto, da mesma noticia fixéronse eco Libertad Digital e Forum Libertas.
Ao non aparecer ningunha referencia nese día a esta información nas axencias de noticias internacionais pódese concluír que, efectivamente, foi elaborada a partir do publicado polos xornais sinalados e por portais vinculados á Igrexa católica.
Esta noticia foi a que máis tempo ocupou no telexornal da canle pública, 1 minuto e 35 segundos. Emitiuse ao día seguinte de que Rouco Varela e a Conferencia episcopal reclamasen ao Goberno español a penalización do aborto.