Crítica de cinema da sexta feira

A sombra da lei, por Andrés Castro

Aníbal Uriarte viaxa a Barcelona para investigar o roubo dun tren militar asaltado polas faccións anarquistas catalás. Alí unirase un equipo de policía de técnicas expeditivas e dubidosa moral. A investigación complícase cando Uriarte coñece Sara, a impetuosa filla dun xefe sindicalista.

lasombra de la ley

Aínda que pareza que leva máis, A sombra da lei –inicialmente coñecida como 1921. A lei do chumbo– é a segunda longametraxe de Dani de la Torre. Un espectacular filme de xénero que vén confirmar o gran nivel que deixou na súa ópera prima, a impactante O descoñecido, un thriller de fondura social rodado nas rúas da Coruña que xa conta con remake alemán e un remake americano en cernes que porá a faciana de Liam Neeson no rol de Luís Tosar.

Repite con Tosar de protagonista e, practicamente, todo o equipo técnico e artístico: Emma Lustres e Borja Pena da produtora Vaca Films, Jorge Coira na edición, David Machado no son, Iosu Inchaustegui na fotografía, Juan Pedro de Gaspar no deseño de produción ou Manuel Riveiro na banda sonora, compositor inseparábel desde (case) os inicios do cineasta monfortino. Suma dúas grandes profesionais imprescindíbeis para dar credibilidade ao aspecto “anos 20” das personaxes: no departamento de maquillaxe e perruquería Raquel Fidalgo, gañadora de tres Mestre Mateo (por O ano da carracha, Celda 211 e Lobos de Arga), e máis a deseñadora de vestiario Clara Bilbao, con dous premios Goyas xa no seu haber (por Blackthorn e Ninguén quere a noite). Semella que, ambas aumentarán o palmarés.

Non só as personaxes, tamén Barcelona ten que vestirse de época. Para iso conta cuns alucinantes efectos visuais ideados por varios dos responsábeis de facer maxia dixital en Un monstro vénme ver, O imposíbel ou –redobre– Xogo de tronos. Aquí, entre outras cousas, conseguen que a Sagrada Familia rexuveneza 100 anos. Espectacular. Porén, para que non todo estivese feito por ordenador, o equipo de produción, e Dani de la Torre, decidiron rodar directamente nas rúas e edificios de diferentes vilas galegas: Compostela, Coruña, Lugo, Monforte e Pontevedra. Tamén, por suposto, en Barcelona, mais o groso da rodaxe fíxose nas zonas vellas de Galiza; polo que parece, un lugar idóneo para que recrear os anos 20. Iso si, hai que andar co ollo moi fino para adiviñar onde se desenrola tal ou cal secuencia. Claro que, por outra banda, hai empedrados inconfundíbeis.

Luís Tosar métese na pel dun axente de policía marcado por un misterioso pasado. Viaxa a Barcelona para axudar na investigación do asalto a un tren militar. Os seus novos compañeiros, interpretados por Vicente Romero, Fredi Leis e un enorme Ernesto Alterio, non son precisamente un modelo exemplar de rectitude e moralidade, máis ben todo o contrario do que eran os Intocábeis de Eliot Ness. Todo se complica cando topa con Sara (Michelle Jenner), a filla dun líder sindicalista (Paco Tous). Tamén terán bastante que dicir en todo este asunto o dono dun famoso music hall, interpretado por Manolo Solo –Goya por Tarde para a ira–, e a vedette estrela do mesmo, Adriana Torrebejano (Corpo de elite). Todo o elenco a gran nivel, aínda que as personaxes femininas merecían estar algo máis traballadas no guión de Patxi Amezcua.

Se en O descoñecido deixaba todo o mundo abraiado co espectacular plano secuencia da praza de Vigo, agora fai o propio co que desprega para a presentación do cabaret, unha mestura do que facía Spielberg no Clube Obi-Wan de Indiana Jones e o Templo Maldito e o de Zhang Yimou para A xoia de Shanghai. Tampouco quedan atrás as trepidantes escenas de acción (tanto nas pelexas como nas persecucións e tiroteos) nin as chiscadelas a filmes como Camiño á perdición ou a evidente, pero ben integrada na trama, de Blade Runner... Palabras maiores.

Ademais de contar con todos os ingredientes do cine negro, ser espectacular e manter a intriga ata o final, aporta unha clase maxistral de historia ao integrar a trama, con bastante rigor, nun contexto histórico que non adoita estudarse nas escolas. Bravo.

Impresionante filme que só fai augurar cousas boas no futuro próximo de Dani de la Torre.

A sombra da lei:

(Galiza-Catalunya-Francia 2018, 126 min.)

Dirección: Dani de la Torre

Guión: Patxi Amezcua

Fotografía: Josu Inchaustegui

Música: Manuel Riveiro e Xavier Font

Elenco: Luís Tosar, Michelle Jenner, Vicente Romero, Manolo Solo, Paco Tous, Ernesto Alterio, Jaime Lorente, Adriana Torrebejano, Pep Tosar, Fredi Leis, Tania Lamata, Xosé Barato, Nacho Castaño, Cova Berdiñas, Federico Pérez

Comentarios