Opinión

A seguir nela

O pobo galego manifestouse e fixou a composición do novo Parlamento para os vindeiros catro anos (se non pasa nada raro). Pensamos, hai que dicilo, que nas circunstancias que padeceron a xente da Mariña de non poder votar, quedou ben ás claras que o Goberno de Galicia non estaba preparado. Non tomou ningunha decisión previsible para facilitar o exercicio democrático de poder votar. Menudo grao de irresponsabilidade. Que mala xestión. Agora Feijoo a nomear o Goberno de Galicia e a nós tócanos seguir nela para ir clarificando desde as nosas intuicións os vellos e os novos desexos e marcar traxectos para os proxectos. O electoral xa pasou e, para o que temos por diante, toca unha renovación estratéxica e asemade de loita. O novo Goberno non pode chamar aos demais representantes da cidadanía para informalos soamente, pois hai moitas opinión e ideas que intercambiar. Moitas opcións. Tamén non pouco que discutir para mellorar as propostas. Cal será logo o diálogo? Das ata o de agora decisións unilaterais (de formas improvisadas) e de pouca planificación xeral, ben sabemos.

Son horas de novos procederes. Son horas de exercer liderados coa e para a cidadanía, pois gobernar obriga a dialogar con quen non estás de acordo. Será necesario un acordo de bases e de principios. Toca facernos moitas preguntas para pensar e enriquecer o debate público. Liderar é render contas. A tarefa que nos agarda ha ser partillada ou non será, xa que construíndonos edificamos o ben común nesta terra firme que é a Galiza, na que mirar por onde ir. Hai que romper os ritmos do “sentidiño”. Toca seguir nela dándolle.

Comentarios