Opinión

A reforma electoral

Malia que os partidos sistémicos gabaron durante décadas o modelo electoral, agora xa non lles vale. Así o expresaba o PP cando pedía que governase o partido máis votado (sen ter en consideración que pode ter unha maioría en contra), e agora o PSOE cando esixe o mesmo respecto da investidura da presidencia do Estado. Obviando que a situación é consecuencia dunha fragmentación do voto por mor da precariedade social e do trato subalterno ás nacionalidades históricas, da desfeita ecolóxica, ou sexa, dun capitalismo na súa etapa senil. Mais tamén, pola falta de partidos fortes e atrevidos, que atendan consecuentemente estas reivindicacións das clases populares. Polo tanto, a reforma sería a vía fácil que permitiría canear a vontade popular. Daquela que se vexa como o mellor remedio por Pedro Sánchez, xunto coa abstención da dereita, tendo en consideración que as novas eleccións non evitarían un governo de coaligazón. Ademais, esta teríase que realizar con UP, que ten en contra ao gran capital (e tamén a UE?); e sería mal vista pola maioría dos/as votantes socialistas de se facer con Ciudadanos, algo que non semella factíbel agora. 

Coido que o modelo electoral debe ser reformado. Non é democrático!

Coido que o modelo electoral debe ser reformado. Non é democrático! A representación nas institucións e na sociedade está moi condicionada polos medios de comunicación hexemónicos, especialmente en tempo electoral. Ademais, o modelo está trucado en beneficio dos grandes partidos sistémicos (capitalismo, centralismo, monarquía, relixión, españolización da historia, cultura e lingua). A esta Adecuación aos intereses sistémicos da realidade hai que lle engadir os mecanismos que rectifican  os resultados das votacións. Como son, a utilización da provincia como circunscrición electoral, malia que está vixente o chamado Estado das Autonomías, e a rectificación dos resultados mediante un mínimo de deputados/as, e a Lei D’Hont en beneficio dos partidos máis votados. Ou sexa, non se respecta a premisa de unha persoa un voto, xa que varia segundo a provincia, e despois se privilexia aos partidos máis votados.

Ao anterior hai que sumar, que o maior porcentaxe de abstención está na clase obreira e na mocidade, segundo as enquisas. Unha tendencia que ademais é común a toda Europa occidental. Por non falar do voto na inmigración. A maior parte non ten hoxe ningunha relación directa co País, e ademais xa votan alí onde viven (o que implica unha situación de privilexio, máxime cando non se ven directamente afectados polas políticas que se aplican aquí), outra cuestión é que adquiriran de facto ese dereito se residisen na Galiza, tal como sucede con outros dereitos, como son: ao ensino e sanidade, a prestacións especificas ou a poder acceder a un traballo.

O lóxico é que a circunscrición electoral sexa a comunidade ou a nacionalidade, se é co Estado das Autonomías ten algún valor real

O lóxico é que a circunscrición electoral sexa a comunidade ou a nacionalidade, se é co Estado das Autonomías ten algún valor real. Se fose así a Galiza corresponderíanlle 20 deputados/as. Se o modelo fose xusto, ou sexa proporcional, e non excluíse ás forzas menores, nas últimas eleccións xerais a representación sería a seguinte: 7 do PSOE, 6 do PP, 3 de Mareas en Común, 2 de Ciudadanos, 1 do BNG e 1 de VOX. Co sistema actual os resultados foron de: 10 do PSOE, 9 do PP, 2 de Mareas en Común e 2 de Ciudadanos. Co criterio existente Galiza ten máis deputados/as no ámbito do Estado, mais iso non implica que as problemáticas da nosa nación teñan unha maior relevancia e un tratamento máis xusto, daquela que non se modificase no mais mínimo o carácter subalterno, aínda que autonomía significase unha descentralización administrativa, ou sexa, avanzamos un chanzo cuantitativo mais ren no aspecto cualitativo. Como tampouco significa que beneficie a Lugo e Ourense a distribución provincial preferente que teñen actualmente no reparto de deputados/as para a elección do Parlamento galego.

Ao analizar as últimas eleccións galegas, as do ano 2016, podemos comprobar máis unha vez como o modelo vixente distorsiona os resultados. Dun total de 75 deputados/as, 41 foron para o PP, 14 para En Marea, 14 para o PSOE e 6 para o BNG. De aplicar criterios que respectasen a decisión exacta dos/as votantes, a composición sería a seguinte: 37 do PP, 15 de En Marea, 14 do PSOE, 6 do BNG e 3 de Cidadáns. Núñez Feijóo non tería a maioría absoluta da que tanto presume.

A democratización do modelo electoral daríanlle un carácter máis plural e representativo aos parlamentos

A democratización do modelo electoral daríanlle un carácter máis plural e representativo aos parlamentos. Sería positivo a longo prazo, mesmo que hoxe no ámbito nacional galego incorporaría, de se repetir os últimos resultados, a forzas que pretenden un maior centralismo no económico e político, e teñen unha clara aversión ás nacionalidades dependentes existentes no Estado español. Mais esa é a realidade, que se manifesta hai décadas na sombra, especialmente no PP, porén tamén en sectores do PSOE. Agochar o que non nos agrada debaixo da alfombra termina por se converter nun problema maior. Non se trata de aplicar o modelo electoral que máis nos favorece en cada intre, senón de defender aquel que máis fielmente represente o sentir da sociedade, dándolle voz a todas as expresións políticas que teñan os votos necesarios, sen ningún tipo de peneira. Iso é o coherente, e o que máis favorece á liberación nacional e popular. Mesmo sería positivo que o Parlamento Galego tivese máis dun cento de deputados/as, para abrir máis o abano, dándolle unha maior riqueza aos debates, porque o número non é secundario neste aspecto,... e con seguridade contribuiría a reducir a abstención.

Estes mesmos argumentos coido que son validos para formación dos grupos parlamentares, a nivel do Estado Español e Nacional Galego, nas deputacións e nos concellos. Ademais, en coherencia con este criterio democrático, todos os partidos políticos deben ter un tempo mínimo garantido para se expresar e presentar propostas en calquera tema. Sería abondo coa peneira que se fixaría para obter representación (que sempre debería ser proporcional e sen ningún chanzo mínimo) e a decisión dos/as electores cando votan. A discriminación que sufre en Vigo o BNG para poder exercer a representación que lle outorgaron 8.461 votantes forma parte dunha práctica autoritaria que choca cos mínimos criterios democráticos, aínda que poda ser legal. Especialmente cando parte do PSOE que ten 20 concelleiros/as de 27, e mesmo así pretende silenciar a voz á oposición. Tanto lle teme?

https://obloguedemera.wordpress.com/