A Rede Galega de Empresas avoga por unha Banca Pública para o desenvolvemento do País

Apela ao compromiso de todos os sectores a prol dunha ferramenta para o beneficio da economía da Galiza
Os feches golpearon na industria e na construción, non tanto nos servizos.
photo_camera Polígono industrial na Galiza

A Rede Galega de Empresas (RGE) apoia nun comunicado a posta en marcha dunha Banca Pública Galega, lembrando que hai anos que esta entidade defende a creación deste instrumento. Para a RGE, a necesidade da banca pública parte de poder contar “cun instrumento de crédito que permita financiar o desenvolvemento das actividades das nosas empresas, en especial as que operaren nos diversos sectores produtivos do país”. Nesta liña, defenden que a banca pública galega permitirá “o normal desenvolvemento das mesmas e da economía da Galiza a longo prazo”.

A RGE lembra que este tipo de instrumentos financeiros “existen en moitos países do mundo, onde cómpre destacar a importancia que ten por exemplo, na Alemaña. O Banco público KFW, que é o principal instrumento da política de fomento económico do país en programas de desenvolvemento interno, en créditos brandos as empresas, en créditos preferentes ás exportacións. 31 países de Europa teñen Banca Pública. Francia, Suíza, Holanda… Fóra de Europa, India, Estados Unidos, Brasil, China, Rusia… Se nestes países citados, que por certo, non son os mais inestábeis economicamente, e en outros moitos se conta cunha Banca Pública, porque en Galiza non podemos demandar e ter unha Banca Pública?”

Por todo isto, a Rede Galega de Empresas avoga por “un compromiso de todas as asociacións empresariais do país, das Pemes, dos autónomos, dos sectores produtivos, das empresas en xeral, un apoio e pronunciamento a favor dunha Banca Pública”.

A RGE resume a petición en cinco puntos:

1.- Lograr contar cun instrumento financeiro que abasteza de crédito e investimento os sectores produtivos do pais. Para que as empresas, alén de superar a crise que sofren, podan ter un desenvolvemento económico normal e contribúan para o desenvolvemento social e económico do país.

2.- Ter un Banco Público Galego como as caixas de aforros en Alemaña, suxeitas á lexislación de cada “Lander”, que como norma xeral estipula que as caixas deben “servir ao interese público da súa rexión incentivando o aforro, así como, “satisfacer a demanda pública de crédito e as necesidades financeiras dos traballadores, as PEMES e os respectivos entes públicos das súas rexións”. Un banco galego que dependa das institucións públicas galegas e que actúe na economía galega, que sexa comercial e teña capacidade para conceder créditos brandos ás empresas e familias, e financiar investimentos de empresari@s e profesións liberais.

3.- Reclamar a preservación do sistema financeiro galego, única vía para a superación da crise e o desenvolvemento dos potenciais da economía galega e do conxunto da súa sociedade. Un sistema financeiro que oriente a súa actividade cara aos nosos sectores económicos, cara ás nosas empresas.

4.- Solicitar que o estado se faga co control da Novagalicia Banco, cousa que pode facer por decreto – lei, sinala a a RGE, “tendo en conta que na actualidade o FROB xa é o accionista maioritario ao ter o 90,6 do capital, fronte ao 6,84 da Novacaixagalicia e o 2,59 de investidores privados. O capital total cífrase en 2.682 millóns de euros, na actualidade. Con este control por parte do estado, este debería ceder a representación do capital público á Xunta de Galiza. Así teriamos un accionariado, contando co capital privado, onde o estado, Xunta e caixa contarían con 50% do mesmo ou onde a Xunta se fixese coa participación do 32% , o estado quedaría coa 21% e a caixa co 7%, así lograriamos ter un Banco Público con control galego”.

5.- Demandar “que no caso de perder Novagalicia Banco, o goberno galego, as institucións galegas, creen unha banca pública, xa que ten capacidade legal e capacidade financeira para afrontar o proxecto. Máis hoxe, urximos como primeiro paso a constitución dun instituto de crédito galego, na Liña do instituto Vasco ou Catalán”.

Comentarios