Ferrín podería esclarecer esta segunda feira se leva o decreto ao Supremo e se se mantén na RAG

O presidente da Academia galega comparece esta segunda feira após asegurar o sábado que "sempre se pode cambiar de opinión", o que se pode interpretar como que abre a billa á reconsideración da súa demisión. En conferencia de imprensa na sede da rúa Tabernas (12 h), Ferrín terá que esclarecer se finalmente abandona a RAG ou se, pola contra, atende as voces que lle piden que continúe, entre elas a da Asociación de Escritores en Lingua Galega e a de Manuel Rivas. Algunhas fontes indican que Ferrín podería anunciar que a RAG vai formalizar o recurso de casación perante o Supremo arredor do chamado decreto do plurilingüismo.
Xosé Luis Méndez Ferrín
photo_camera Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luís Méndez Ferrín abre un novo capítulo nas páxinas que a Academia galega escribe desde hai semanas na imprensa do país. Un capítulo de desenlace incerto. Este sábado, o escritor de Con Pólvora e Magnolias deitou unha frase que se podería interpretar en chave de reconsideración da súa renuncia. "Sempre se pode mudar de opinión", dixo ante xornalistas.

O Pleno da RAG que tomará formalmente coñecimento da renuncia de Ferrín vaise realizar este mércores 13 de Marzo. Ferrín demitiu do seu cargo envolvido nun escándalo de nepotismo e no meio dunha guerra interna polo control da institución que saiu á luz nunha entrevista do secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, con La Voz de Galicia.

Ferrín convoca os meios esta segunda feira (12 h) cun único ponto na orde do día: informar sobre o decreto do plurilingüismo. Comparecerán tamén con Ferrín  Euloxio R. Ruibal e Francisco Fernández Rei, Arquiveiro-Bibliotecario e vicesecretario da RAG, respectivamente, ben como o propio Axeitos.

Cumpre lembrar que o pasado 22 de Xaneiro a Real Academia Galega se personou perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, requisito previo para a formulación dun eventual recurso de casación perante o Tribunal Supremo. Tamén o fixo a Consellaría de Educación. Feijóo ofereceu á oposición a non formulación do recurso por parte da Xunta sempre e cando se asumise o decreto tal e como ficou despois do seu paso polo Tribunal Superior (que considerou non axustado a dereito dous artigos, o que regulaba a consulta para os pais a elixiren a lingua vehicular do ensino e o que estabelecía o dereito d@s alun@s a se expresaren no idioma da súa preferencia nas aulas).

Na entrevista con La Voz de Galicia, o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, acusou os académicos vinculados ao Instituto da Lingua Galega e ao Consello da Cultura Galega de presionar a Ferrín para "retirar" o recurso, isto é, para non formular o recurso de casación perante o Supremo.

O académico Henrique Monteagudo, que cualificou de irresponsábeis as acusacións deitadas por Axeitos, é unha das persoas impulsoras da iniciativa "Chamamento polo Galego" en que se pide á Xunta de Galiza que non leve o decreto ao Supremo e que procure un arranxo en Galiza.

Algunhas fontes afirman que Ferrín podería anunciar hoxe que a RAG si vai ir ao Supremo.

Logo do ingreso do 'afiador' Fernández Ferreiro como numerario da institución da rúa Tabernas --no que semellaba ser o último acto público de Xosé Luís Méndez Ferrín-- a convocatoria de imprensa para esta segunda feira foca a atención de novo na Academia.

Comentarios