A privatización de Correos fai perigar o servizo no rural

A decisión do PP de pasar á SEPI a compañía leva o servizo de Correos ás portas da privatización, o que pon en grave risco garantir as prestacións no rural galego. A CIG mostrou a súa oposición nunha mobilización en Compostela.


A privatización de Correos pode ter en Galiza, cun hábitat disperso que encarece o reparto e elimina a súa rendibilidade económica, pode levar á desaparición do reparto no rural. A xestión de Correos pasou, a través dos gobernos do PSOE e PP, de ser unha dirección xeral a unha sociedade pública empresarial. O paso seguinte foi a conversión en organismo autónomo para logo formalizar o seu estatus como sociedade anónima. A CIG considera que “cada vez está máis preto a súa definitiva privatización".

Correos ten arestora un contrato co estado polo que se compensa o incremento de custo que supón o reparto no rural. “É o Estado quen garante o cumprimento da Lei Postal, que di que toda a cidadanía ten dereito a recibir o correo no seu domicilio, todos os días laborábeis da semana” sinala a CIG. Desta forma, a privatización do servizo suporá pór en grave risco o servizo no ámbito rural. As persoas que neste momento están a realizar o reparto no rural teñen que pór o seu carro ao dispor do servizo as sete horas e media de duración da xornada “e non teñen ningún tipo de beneficio fiscal, nin na compra nin no pagamento de impostos”.

O sector de Correos da CIG-Administración protagonizou unha mobilización o sábado día 26 en Compostela en protesta pola pretensión de privatización da compañía ademais da reclamación de melloras nas condicións laborais. Queren unha compensación pola prestación do que é un servizo público e universal. Solicitan deste modo que se garanta o emprego estábel alén da actualización das retribucións para recuperar o poder adquisitivo perdido.

Estima ademais o sindicato nacionalista que o risco de precarización das condicións laborais é aínda maior unha vez que na comisión de orzamento se anunciou unha diminución de 2.000 persoas empregadas. “Supón o despedimento de 2.000 persoas e a súa substitución por outras a tempo parcial ou fixos descontinuos. Unha situación que sería aínda máis traumática se se privatiza” apuntan.

Comentarios