Opinión

A primeira badalada

Se hai uns cantos anos, ou mesmo meses, alguén chega a dicirme que a noite de fin de ano estaría pegada á retransmisión das badaladas en TVE e ata emocionada seguindo a Ana Obregón, apostaría cartos a que tal cousa nunca acontecería. Pero a vida dá moitas voltas e presenciar unha ocasión -que non debería- que foi histórica televisivamente falando por xuntar dúas mulleres que teñen chegado á invisible pero letal barreira dos 50 nesta profesión era unha obriga. Que Anne Igariburu e Ana Obregón o fixeran de xeito impecable non me sorprende, non en vano atesouran horas en directo, pero que unha TV aposte por deixar facer a dúas mulleres sen un home ao seu carón, por desgraza, é todo un acontecemento.

Din que as cousas están mudando, certo que por fin vemos máis mulleres opinando nos faladoiros televisivos e ata este fito das badaladas… Pero eu que traballo dende hai uns anos na TV direi que aínda queda moito camiño. Se non fose polo estrondo e visibilización nas redes sociais con movementos como o #metoo, as mulleres, e sobre todo as maiores de 40 anos, estarían, salvo excepcións, desaparecidas da primeira liña. En todas nós aínda se valora moitas veces en primeiro lugar unha aparencia á hora de ser contratadas, sobre todo nos comezos. Lembro como o estilismo e os comentarios sobre o ben que daba en pantalla foron os principais argumentos que recibía cando comecei a traballar facendo programas para a TVG. A diferenza salarial de presentadoras e presentadores, ou a media de idade de homes presentadores comparada coa das mulleres son un feito. As cousas mudan, pero non botemos foguetes.

No meu caso, estou moi feliz coas tarefas de dirección en programas de TV, pero aínda me din que o importante é facer pantalla e que aos meus 40 anos ou decido volver a diante das cámaras ou pode que logo sexa tarde. Tarde para que? Dos comentarios machistas, das proposicións indecentes e merdentas que recibimos cando saímos pola TV as xornalistas a través das nosas redes socias nin falar… Ben por TVE e polo discurso humano que nunha noite tradicionalmente charramangueira na TV trasladaron Ana e Anne, un discurso que precisamos a cidadanía, máis ciencia, máis valorar as e os sanitarios e os nosos seres queridos.

Comentarios