Opinión

A política útil

En Marea enfronta o vindeiro día 15 un Plenario (órgano semellante ao Congreso noutras organizacións) no que ha decidir se afonda na liña de institucionalización, vertebración territorial e sectorial  e autonomía dun proxecto nacional representada por Luís Villares e a maioría da actual dirección ou aposta por formulacións menos independentes da liña estatal de Unidos Podemos e que están por estruturas organizativas menos elaboradas e máis  propias da coalición de partidos, na liña que definiu a oferta electoral de En Marea no pasado até a súa constitución formal como organización de seu hai un ano.

As decisións adoptadas por En Marea desque se constituiu formalmente como organización de adscrición individual teñen definido esta autonomía a respecto de proxectos estatais (quizais conscientes do fracaso da representación de En Marea en Madrid -subsumida nun grupo parlamentario estatal- na visibilización de Galicia como suxeito político e titular de intereses singularizados). E, tamén, definíronse a prol da compatibilidade entre liderados orgánicos e parlamentarios e da expansión organizativa e social, integrando persoas e sectores que non estaban presentes na antiga coalición ás eleccións estatais de decembro de 2015 e xuño de 2016.

As decisións adoptadas por En Marea desque se constituiu formalmente como organización de adscrición individual teñen definido esta autonomía a respecto de proxectos estatais

 

Logo o debate está en definir se En Marea, como semella pretender Luís Villares, avanza cara á inclusión de novos sectores sociais, á institucionalización organizativa e á formulación de políticas útiles para a maioría social, con total autonomía a respecto do proxecto estatal de Unidos Podemos. O que non quita cooperar con el en moitos ámbitos comúns. Porque Galicia e a cidadanía galega teñen intereses específicos, moitas veces non coincidentes cos intereses doutros territorios e cidadanías. E mal se pode desenvolver unha política útil para Galicia dende o descoñecemento desta cuestión capital.

A institucionalización de En Marea resolverá tamén quen toma as decisións. Porque na pasada coalición as decisións non foron adoptadas polas persoas adheridas, senón polas direccións dos partidos coaligados. E os proxectos políticos democráticos non os definen nin os oráculos nin os fundadores, senón os seus integrantes en cada momento histórico.         

        

Comentarios