Opinión

A outra pandemia

[María Obelleiro]

Como é obvio, os medios de comunicación, como as persoas, centran a ollada nos efectos da Covid-19, mais hai unha outra pandemia, anterior a esta, na que se debe insistir: o patriarcado, que tamén sega vidas, como a da muller asasinada en Gondomar, e impide que poidamos vivir en liberdade, pois aínda hai graves fendas entre o que recolle a lexislación e a súa posta en práctica. Non debemos permitir retrocesos e menos os medios de comunicación, sendo un instrumento para a socialización e a transmisión de valores. 

Aínda onte liamos, con estupor, nun dos medios de comunicación máis lidos da Galiza, as declaracións dun veciño do presunto asasino coas que trataba de desculpar a quen só debería denunciar. Non se trata de pór lazos lilás nin de facer minutos de silencio con motivo do 25-N nin cada vez que se agranda o feminicidio. Trátase de exercer a responsabilidade social e de aplicar a perspectiva de xénero en todo o que se comunica. Fronte á violencia machista non cabe neutralidade ningunha e debemos vogar contra todas as formas de discriminación que sofren as mulleres.

Comentarios