Novo filme de Xurxo Chirro

A orixe de 'De Barrio'

O Festival Internacional de Cinema de Xixón anunciaba a pasada terza feira, día 2 de outubro, que De Barrio, o novo filme de Xurxo Chirro, se atopa entre as obras escollidas da sección Llendes. O cineasta relata a Sermos Galiza a vinculación do filme co desenvolvemento e o espírito do proxecto Socheo, unha viaxe de ida e volta do cinema á participación cidadá que pon de relevo a importancia dos arquivos.

DE BARRIO (6)
photo_camera Fotograma de 'De Barrio'

O último filme de Xurxo Chirro, De Barrio, foi seleccionado na 57ª Edición do Festival Internacional de Cinema de Xixón, dentro da sección Llendes. Este documental de autor nace ao abeiro do proxecto Socheo, do que o cineasta é director, unha iniciativa que procura contrarrestar o impacto do esquecemento que produce o paso do tempo na vila da Guarda e na bisbarra do Baixo Miño. Curiosamente, a iniciativa naceu vinculada a unha proxección do seu filme Vikingland, tras a que varias veciñas lle comentaron a existencia de videobitácoras e fitas semellantes ás que el empregaba na peza, abandonadas na casa.

Socheo

A palabra Socheo denomina un momento indeterminado antes de que chegue a preamar. Atendendo a esta acepción, serve para definir, por extensión, ese espazo e tempo indeterminados que habitan as imaxes domésticas que o proxecto pretende rescatar. Un audiovisual en principio desbotado ao que cómpre darlle valor, especialmente aquelas pezas que teñen relación co territorio e a comunidade.

O proceso de compilación bebe dun diálogo directo coa veciñanza. Chirro conta que os principios foron duros, mais axiña se puxo en marcha e chegou mesmo a “recibir na caixa do correo pelis para dixitalizar”. A natureza non institucional deste arquivo leva a evitar a burocracia. “Non intentamos especular cos arquivos, están aos servizo da comunidade”, asegura. De feito, é a propia xente a que se pon en contacto, proporciona os fondos, axuda na catalogación, comenta e divulga.

“Non intentamos especular cos arquivos, están aos servizo da comunidade”, asegura Chirro

A este labor de recuperación, que é a actividade que consome máis tempo, súmanse outras dúas dimensións: a formativa e a de produción. A primeira desenvólvese en colaboración co IES A Sangriña da Guarda e recibiu en 2014 o premio a Alfabetización Audiovisual outorgado polo Ministerio de Cultura. A segunda implica novas gravacións de recollidas orais e descricións xeográficas, materiais que se confrontan cos vellos.

Socheo deu orixe, nunha volta do búmerang de sinerxías creativas, ao filme máis recente de Chirro. O documental de autor De Barrio xorde da necesidade de lle dar saída a un material que non atopaba o seu espazo no proxecto: as gravacións sonoras dunha veciña do barrio da Cruzada en 1999. En 2007, Chirro intentou filmala, pero xa non podía falar, o que o levou a tratar de facer dialogar a súa voz antiga con outras imaxes da zona. Con todo, Chirro non conseguiu a solución que procuraba até 2019, cunha nova manipulación. Entón as pezas encaixaron no xogo a tres tempos de De Barrio.

Novos arquivos

Como comentaba o propio Chirro no A Fondo sobre os arquivos coordinado por el mesmo, existen varios proxectos semellantes de iniciativa cívica, como La Cinematográfica de Vigo ou O faiado da memoria de Vilagarcía, que ademais é produtor de De Barrio. Porén, o cineasta destaca que "non hai interese por relacionalos e artellar un sistema, falta intención política”. Aínda que co CGAI hai boa relación, “non asume un labor de coordinación que permita vertebrar o territorio a través do audiovisual”, que será para Chirro a “ferramenta que documente o noso presente”.

O cineasta destaca que “non hai interese por relacionalos e artellar un sistema, falta intención política”

A sede da Filmoteca española, o Cine Doré, proxectará unha escolma de vídeos do proxecto o próximo 22 de outubro, como parte dun programa organizado pola Red de Cine Doméstico Española, da que Socheo foi socio fundador. Para alén do máis, Socheo está incluído no Banco de Boas Prácticas da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, por desenvolver unha proposta de salvagarda da memoria a través da dixitalización e posta en valor patrimonio. Pois estes novos arquivos, coa súa condición espectral, están a xerar unha “nova cultura da memoria” desbotando a consideración clásica de imaxe, documento e monumento do propio.

Comentarios