"Queremos que o Parlamento galego vote" e instar o Goberno galego a que se dirixa a Madrid para que paralice a contrarreforma da lei do aborto que prepara o ministerio de Xustiza. Son as dúas premisas das que parte a proposición non de lei que a recentemente creada Plataforma polo dereito ao aborto partillou nesta segunda feira coas tres forzas políticas da oposición (BNG, AGE e PSdG) na procura de apoios para impedir que se aprobe unha modificación que imporá a maternidade e devolverá o dereito das mulleres a escoller a tempos anteriores a 1985.
A lei, contra a que se revolven até no propio PP polo seu carácter reaccionario, pretende rachar coa actual normativa de prazos, vixente desde 2010, para volver a un sistema de supostos e eliminar aquel que non criminalizaba a interrupción voluntaria do embarazo en caso de que o feto tivese malformacións. "Non existe ningunha necesidade desta modificación lexislativa", salienta Mabel Pérez, que fixo as veces de voceira desta plataforma que aglutina por volta de 50 entidades e que entende que "non pode ser a Igrexa católica a que lexisle".
"Por riba do marabilloso de ser nai está o dereito a decidir cando selo"
Pérez Simal quixo deixar claro que "nós tamén defendemos a vida, isto non é unha batalla dos provida", enfatizando que por riba "do marabilloso de ser nai" está o dereito das mulleres a decidiren cando queren ser nais. Recalcou que "as mulleres non imos deixar de abortar porque se mude a lei" subliñando máis unha vez que o que carrexará a criminalización desta práctica será que aquelas grávidas con recursos irán ao estranxeiro interromper o seu embarazo e aqueloutras sen recursos "serán condenadas a abortos clandestinos ou a continuar cun embarazo non desexado".
Contra isto, o que reivindica a Plataforma é "un aborto libre, gratuíto e na sanidade pública, que non se nos tutele, non necesitamos salvadores nin protectores". Mabel Pérez vinculou o texto da contrarreforma con "presións e chantaxes" da Conferencia episcopal española, o Foro de la familia e o resto de organizacións que se autodenominan 'provida' entre as cales se atopa a Red Madre, en cuxas mans a Xunta está a deixar a atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres na Galiza financiando con diñeiro público os seus centros privados.
Na xuntanza mantida con BNG, AGE e PSdG os tres grupos parlamentares transladaron o seu apoio á proposición da Plataforma cidadá, así como a intención de a levar ao Parlamento galego para fomentar o seu debate na Cámara e que @s deputad@s do PPdG se pronuncien. A oposición xa o fixo: exixirán a Gallardón a paralización da súa contrarreforma.