A edición deste ano, e xa van 28, traerá á vila ourensá espectáculos de Galiza e alén, a maior parte estreas. Será do 21 ao 28 de xullo na vila ourensá e nun contexto abondo complexo. As axudas da AGADIC, que por primeira vez serán a través dun concurso de méritos ao que os festivais han concorrer e non mediante convenios coa administración, seguen sen resolver. O que provoca non poucos problemas de organización. A representación de clausura da Mostra deste ano, sen ir máis aló, está aínda sen concretarse á espera de saber de canto diñeiro se vai dispor.
Para solucionar os problemas derivados da AGADIC, dende a organización da Mostra, apunta Roberto Pascual, acudiron á procura de financiamento noutros organismos públicos e privados e a estratexias que lles permitiran contar con espectáculos de calidade sen caer en excesivos gastos. Así, a compañía cubana Mefisto será traída a Ribadavia, aproveitando a súa estadía tamén no prestixioso festival de Almagro, co que a MIT compartirá gastos de organización. E aproveitaranse as sinerxias derivadas da celebración da capitalidade cultural de Guimarães para traer a Rivadavia á compañía Teatro de Marionetas do Porto e levar a Guimarães a produción non comercial de A tempestade de Shakespeare elaborada pola ESAD de Galicia.
Un 80% dos espectáculos serán estreas na nosa contorna. Entre eles destaca a representación a cargo da compañía frances Timbre 4 e da francesa Théâtre du Soleil, A puerta cerrada, unha posta en escea do texto de Jean Paul Sartre. A innovación, a calidade e o diálogo coas preocupacións sociais de actualidade son os criterios de escolla para unha programación que nos ofrecerá, á beira do Avia, espectáculos de Galiza e alén: de España, doutros estados europeos como Portugal, Francia, Italia e Bélxica, e mesmo alén o Atlántico, de Arxentina e de México.
Relevancia especial terá, máis unha vez, a colaboración con Portugal, que a Mostra fai constar coa participación de Teatro do Chapitô ou a compañía Teatro de Marionetas do Porto.
De Galiza e alén
A MIT presentará no seu escenario principal, o auditorio do Castelo, dúas propostas galegas. Unha delas, Oeste solitario, da man de Quico Cadaval, que este anó tamén fará de pregoeiro. A outra, In, unha reposición de Elefante elegante ao redor do mundo das apariencias, da moda e das relacións humanas.
Tamén no auditorio do Castelo terán lugar as representacións da compañía francesa Les Anachroniques, que revisitará As crónicas do Sochantre, de Cunqueiro, e da compañía cubana Mefisto, que presentará Donde hay agravios no hay celos, da que sorprende a súa indumentaria en papel.
A MIT levará o teatro alén os escenarios. Haberá espectáculos na rúa, representacións innovadoras na Igrexa da Madalena e na Casa da Cultura, e mesmo nas aldeas do rural. Alén dos espazos habituais de exhibición poderemos ver propostas como as dos Quinquilláns en Francelos, a coprodución de Drago Bianco e Cantiere Ikrea experimentando con lume na Praza Maior, as xirafas de Xirriquiteula ou os cantares de cego de Viravolta.