Opinión

A loita continúa

Texto do discurso pronunciado na Homenaxe da Unión do Povo Galego a Moncho Reboiras (Ferrol, 12 de agosto de 2012) Cando dicimos Reboiras, estamos a dicir intelixencia política e coraxe, compromiso, abnegación, firmeza e patriotismo; cualidades todas elas que quixermos asumir para nós propi@s, das que queremos ser merecentes, para as pór -como Moncho Reboiras- ao servizo da causa da liberación da Galiza.

Texto do discurso pronunciado na Homenaxe da Unión do Povo Galego a Moncho Reboiras (Ferrol, 12 de agosto de 2012)

Cando dicimos Reboiras, estamos a dicir intelixencia política e coraxe, compromiso, abnegación, firmeza e patriotismo; cualidades todas elas que quixermos asumir para nós propi@s, das que queremos ser merecentes, para as pór -como Moncho Reboiras- ao servizo da causa da liberación da Galiza. Por iso este acto que organizamos todos os anos non é nunca un acto de nostalxia, mais de xustiza. Un acto de merecido recoñecemento ao camarada que deu a vida pola liberdade do seu pobo, mais tamén un acto de afirmación do noso ineludíbel compromiso patriótico.

Cando se fala do contributo de Moncho Reboiras ao nacionalismo galego contemporáneo sinálanse sempre cualidades como as que veño de mencionar, imprescindíbeis nun militante revolucionario. Mais, sobre todo, destácase, acertadamente, a clarividencia política sobre a necesidade desta nosa Nación se dotar dos instrumentos precisos para construír por si propia un futuro diferente de benestar e liberdade. Saliéntase, en definitiva, o seu papel no asentamento teórico do criterio de autoorganización do pobo galego e aínda na súa plasmación práctica, na que Moncho Reboiras traballou activamente nos seus anos de militancia política, particularmente na formación dos primeiros xermes sindicais. Foi a consecuente defensa dese principio o que permitiu disputar o campo sindical á esquerda española e construír un sindicalismo de clase propio, non dependente, que co tempo viría a tornarse nesa firme e combativa realidade que é hoxe a CIG, a Confederación Intersindical Galega, a máis numerosa organización do nacionalismo galego hoxe.

O principio de autoorganización definiu, por tanto, o nacionalismo contemporáneo desde as orixes e marcou a súa práctica, converténdose na columna vertebral da nación. E convén lembralo agora que outros o esquecen, intereseiramente, antepondo aos intereses do País os propios intereses e ambicións persoais, envoltas -iso si- no grandilocuente discurso da emerxencia nacional; na práctica, vendedo os principios por un prato de lentellas oferecido amabelmente pola esquerda española. O nacionalismo galego que quixer merecer o nome de tal defenderá sempre, sempre, sempre, con coherencia, na teoría e na práctica, a autoorganización do pobo galego, en todo momento, en todo lugar, en todos os ámbitos, sabendo perfectamente – como sabía Moncho Reboiras- que é a única garantía de conseguirmos avanzar para o obxectivo da soberanía nacional.

Estamos, con efecto, nunha situación de emerxencia, da que só conseguiremos saír confiando nas nosas propias forzas porque, amigas e amigos, nunca virá de fóra remedio ou esperanza, como dixo o poeta Celso Emilio naqueles anos de lucidez política en que partillou militancia na UPG con Moncho Reboiras. Unha situación de emerxencia na que xa estábamos, por certo, no mes de xaneiro, que exixía – e exixe- da máxima xenerosidade e da máis forte unidade para articularmos unha resposta masiva e contundente do pobo galego. Que exixía -e exixe- ilusión e confianza, porque a esperanza tamén se constrúe, tamén se vai tecendo día a día. Que exixía -e exixe- abnegación e traballo militante, do que foron exemplo persoas como Reboiras, e que está a demostrar a militancia do BNG para deixar claro na sociedade que frente a esta situación convulsa e dificil existen alternativas, existen outras políticas que van permitir ao pobo galego saír desta crise con máis benestar -non con menos-, con mais democracia -non con menos- e tamén con máis autogoberno -non con menos, como pretenden o goberno español e o Partido popular.

 "Estamos, con efecto, nunha situación de emerxencia, da que só conseguiremos saír confiando nas nosas propias forzas ".

E hoxe podemos afirmar -sen triunfalismos estériles mais con lexítima satisfacción- que estamos non bon camiño. O nacionalismo, o BNG, está a se revelar diante dunha cidadanía galega farta de agresións políticas e sociais que xeran tamén dramáticas situacións persoais, como a única forza que planta cara, que apela á mobilización, á insubmisión e á rebeldía, mais tamén que presenta propostas, demostrando que outras políticas son posíbeis e necesarias. Hai apenas 3 días, un medio de comunicación galego publicaba unha curiosa crónica titulada 'O verán feliz do Bloque' en que recoñecía, non sen sorpresa, que o BNG estaba a alargar a capacidade de mobilización e de influencia social e electoral como o mostraban o Día da Patria e o recente inquérito do CIS. Pois ben, nin é casualidade nin a nós nos colle por sorpresa: é o resultado do traballo de miles de mulleres e homes que cren na Galiza e confían na capacidade política do pobo galego. Tamén o resultado do esclarecemento político necesario. Sabíamos que fronte á maior agresión e á maior involución social, política e democrática coñecida desde a transición era preciso alternativas claras, activismo, firmeza e contundencia, que permitise -que está a permitir- ao nacionalismo consolidarse como a forza referencial de todas as persoas que no noso País queren mudar a situación dramática que estamos a vivir e queren frear a ofensiva antisocial e antigalega en curso.

Moncho Reboiras tivo que enfrontar a dominación española, a loita pola liberdade e polos dereitos da clase traballadora, en condicións de particularmente duras, de ditadura, con risco para a súa vida, e non por iso recuou ou abandonou. Hoxe a situación é de novo extremamente difícil. Na verdade, nunca foi fácil para o nacionalismo, mais agora debemos enfrontar a máis forte ofensiva antisocial, antidemocrática e antigalega nos últimos 30 anos. E non imos recuar nin abandonar. Non imos sequera deixarnos confundir nin condicionar polas falacias do poder e a permanente presión mediática que de forma constante deturpa, manipula e difunde as consignas de resignación e desesperanza. Non é tempo de sermos timoratos. Precisamos é firmeza. E aquí estamos, outra vez, defendendo firmemente os dereitos da clase traballadora, defendendo a liberdade frente aos intentos de coartala, defendendo a democracia frente á manipulación e a fraude, defendendo Galiza cando ninguén máis a defende.

Porque estamos fartos de constatar que temos un goberno que non defende os intereses do noso País. Moi ao contrario, estamos diante, sen dúbida, do peor goberno da historia recente de Galiza, cun balance neste fin de lexistaluta desolador: perto xa de 300.000 desempregad@s, o lume arrasando os nosos montes e as nosas fragas após ter abandonado toda política de prevención e de recortar en extinción, as nosas caixas desaparecidas e aínda en grave risco de expatriación e de roubo do aforro galego, os nosos sectores produtivos abandonados, o naval sen carga de traballo, os servizos públicos en proceso de deterioro para facilitar a privatización, a nosa lingua desprotexida e atacada... e agora aínda o Partido popular e o Sr. Feijoo pretenden perpretar unha fraude democrática, a maior fraude política dos últimos tempos, para se aseguraren de continuar no poder. Pois que saiban que non llo imos permitir, o nacionalismo non llo vai permitir. Derrotaremos o Partido popular, para derrotarmos as súas políticas, mudaremos de goberno para mudar de políticas. Ese é o noso reto inmediato.

"Estamos diante, sen dúbida, do peor goberno da historia recente de Galiza, cun balance neste fin de lexistaluta desolador"

Vivimos un proceso de degradación social e política acelerado, con precarización das condicións de vida, diminución de salarios, eliminación de dereitos laborais e da negociación colectiva, perda de dereitos individuais e colectivos (aí está a ameaza da nova lei do aborto) e aínda, cun proceso de recentralización política e de involución democrática sen precedentes. Os poderes fácticos do Estado e o partido popular usan a crise como coartada para facernos retroceder decenios nos dereitos conquistados. Criminalizan a protesta, reducen a cero a xa cativa capacidade de autogoberno que tiña o noso país e, non contentos con iso, deturpan a democracia, todo para asegurar a continuidade das súas políticas e da situación de dependencia da Galiza.

Mais, ao mesmo tempo, tamén se pon en evidencia a crise de lexitimidade do sistema político español, cada vez máis cuestionado socialmente, e mesmo de elementos que até o de agora eran tabú, practicamente incuestionábeis, como a monarquía. Por iso non debemos desaproveitar a oportunidade de criar contradicións defendendo propostas perfectamente comprensíbeis e asumíbeis socialmente e que, ao tempo, van directas ao corazón do sistema: postos a recortar, que recorten no exército, máis de 7.000 millóns de euros (cantidade, por certo, superior á que o Estado destina por xunto a educación, sanidade e dependencia), que eliminen os ministerios coas competencias transferidas, que supriman as subvencións á Igrexa católica e retiren a relixión do ensino no canto de reducir profesorado, que supriman as deputacións provinciais, obsoletas e desnecesarias ou aínda, que supriman a Casa Real, esa familia de parasitos sociais que viven a corpo de Rei á costa da cidadanía (e aínda ten o Borbón a desfachatez de nos pedir sacrificios, xusto antes de subir ao avión para ir de cazaría a África, iso sí, pagado polos nosos cartos). Se queren recortar, que eliminen a monarquía! Postos a despedir, en lugar de empregados e empregadas públicas, que despidan o Borbón e até, se queren, coa indemnización que marca a nova lexislación laboral por 40 anos de non facer nada!

Amigas e amigos, temos nos próximos meses retos complexos e importantes aos que facer fronte e estamos certos de que, se mantivermos o rumo, os imos salvar con resultados positivos para o nacionalismo e para o País.

En primeiro lugar, temos que enfrontar esta nova vaga de medidas antisociais con absoluta contundencia. Con mobilizacións, preparando unha nova folga xeral masiva, que dea conta clara do absoluto rexeitamento do pobo galego a estas políticas. Tamén con propostas, porque esta crise que se di global non nos afecta a todos por igual. Galiza, como nación dependente, está a pagar dobrado as consecuencias da crise: precarización laboral cos salarios e tamén cos pensións mais baixas do Estado Español, emigración -novamente emigración- desmantelamento dos nosos sectores produtivos, eliminación dos instrumentos financeiros galegos, recentralización política... Por iso é absolutamente acertada a política do nacionalismo de defender unha saída galega da crise, que pasa por nos dotarmos de capacidade de decisión e dos instrumentos precisos para efectivizala, que pasa no inmediato pola banca pública galega, pola soberanía fiscal e financeira, polo apoio á economía produtiva, pola defensa dos servizos públicos, por un marco galego de relacións laborais... Unha saída galega, social e xusta á crise que pasa, en última instancia, pola soberanía nacional.

Tamén en 2 meses se vai iniciar -10 anos despois- o xuízo polo desastre do Prestige. Un desastre que non foi só consecuencia do accidente dun barco mais da má xestión, da incompetencia e do desleixo político do Partido Popular nos gobernos galego e español. Ese foi o momento -lembrade- en que ficou máis claro para quen quixese velo que a España non lle importaba Galiza, como non fose para a manter dominada; que non lle interesaba a situación dos galegos e galegas que ficaron abandonad@s á súa sorte, provocando a maior reacción da sociedade galega con protestos masivos na rúa. Pois ben, agora que pasamos igualmente por unha situación de emerxencia, en que os gobernos do PP nesta ocasión non están ausentes senón que son os principais e activos inimigos, temos que recuperar o espírito de Nunca Máis, temos que converter o xuízo do Prestige nun xuízo político da sociedade galega ao Partido Popular, non só por como xestionou aquela crise e a subsecuente política de seguranza marítima e protección da costa, mais tamén por como está a xestionar a crise actual. Estamos pois na hora de lembrar a vella consigna Marea negra, nunca máis! mais tamén de berrar alto e claro Recortes, nunca máis! Precariedade, nunca máis! Emigración, nunca máis! Saqueo ao pobo, nunca máis! Perda de dereitos, nunca máis! Recentralización, nunca mais! Fraude política, nunca mais! É hora de berrarmos, por tanto, definitivamente... Partido Popular, nunca máis!

"Agora que pasamos igualmente por unha situación de emerxencia, en que os gobernos do PP nesta ocasión non están ausentes senón que son os principais e activos inimigos, temos que recuperar o espírito de Nunca Máis"

E temos que berralo na rúa e nas urnas. A mellor resposta que podemos dar ás políticas do PP, para alén de masivas mobilización sociais; a mellor resposta á tramposa e fraudulenta manobra de Feijoo para degradar a democracia e asegurar o poder, é un voto masivo no BNG. Un voto que permita mudar o governo para podermos tamén mudar de políticas. Un voto que permita, en calquera caso fortalecer a posición do nacionalismo, avanzar en capacidade de resposta e mobilización, en organización, en conciencia nacional. Que supoña en definitiva, un paso firme e decisivo no camiño da soberanía. Porque, amigas e amigos, cando dicimos Moncho Reboiras, a loita continúa! estamos a afirmar o noso compromiso co obxectivo da autodeterminación do noso pobo, un compromiso que posibilite que o soño de Reboiras dunha Galiza libre, dun Estado galego democrático, laico e republicano acabe materializandose máis cedo que tarde na República da Galiza, coa que tamén nós soñamos. Porque, como ben afirmou Castelao, Galiza só deixará de loitar pola liberdade cando a consiga. Por iso, con Castelao, con Bóveda, con Casal, con Vítor Casas, con Camilo Diaz, con Amador e Daniel, con Moncho Reboiras, con todos os mártires da liberdade, gritamos mais unha vez, hoxe e sempre, a loita continúa!

Viva Galiza ceibe e socialista!

Viva a República da Galiza!