Opinión

Á herba

Pasaran as fatídicas datas de agosto, aquelas en que o vento seco da ignomínia e da morte deixaran dolor e medo nas xentes do País. Os prados apenas tiñan herba que segar prás dúas vacas, cansas de tirar polo xugo e de comer rastrollos secos. Aínda así, a sra. Felisinda ía ós mediodías cun goxo das patacas e unha gastada gadaña cara ó prado que lindaba co monte da Cortiña. Desde sempre a sabedoría labrega tiña dito que para segar herba verde, en tempo de calor, ten que ser pola fresca. Ou de mañá cedo ou á noitiña.

Todos na aldea sabían por qué ía co goxo ás peores horas do día cara ó monte. Todos daban por certo, cara a fóra, que ía á herba.  Andresiño, o máis novo dos fillos de Xabier do Lenzo, preguntaba e preguntaba. Estaba na idade da curiosidade extrema, ese tempo en que todo ten que cadrar coas ensinanzas recibidas, día a día , dos seus maiores.

-Ou meu pai, ¿toleou a sra. Felisinda? Non son horas de ir á herba ¿non si?

Xabier do Lenzo non daba coa resposta ó xeito para acalar as teimosas preguntas do rapaz. Non podía dicirlle a verdade que todos partillaban e que ninguén se atrevía comentar en voz alta: Por tras do monte da Cortiña pasaba un regato que tiña un muíño de pezas, e nel agachábase Xan, o home de Felisinda, agardando o anaco de broa e o touciño con que poder acalmar a fame de tódolos días de fuxido, na espreita de tempos máis calmos.

Por fin rendeuse e contestoulle.

-Toleou, meu fillo. A sra. Felisinda toleou.

O silencio, o non saber, eran a nova lei que conviña a todos.

Os da miña xeneración somos dalgunha maneira fillos dese silenzo e da covardía dunha transición feita baixo a ameaza dos sables en alto e as pistolas amarteladas.

E pasaron páxina de calquera maneira pra que todo continuase na mesma. En certo modo moitos de nós somos Andresiños que botamos demasiado tempo crendo que a sra. Felisinda toleara.

Tanto tempo, e non soubemos recoñecerlle-la dolor sufrida e a ilusión tronzada. E deixámolos morrer sen recupera-los datos de cada malleira, de cada violación, de cada asasinato, de cada foxa, os nomes de cada un dos que apertaron o gatillo, de cada unha que denunciou, que vendeu, que traizoou. Ese anaco de historia común roubado.

 Por iso agora quédanos a tarefa, o labor, de mante-la chama acesa, avivala e pasa-la memoria do martirio ós máis novos. Marca-las cunetas, as foxas,os camiños, os cotos onde sucederon os feitos. Nomear unha a unha e todas por xunto as vidas dos silenciados pra honra deles e delas e pra que aqueles que sintan de novo a tentación de tronzar esperanzas sintan tamén o medo de que a memoria colectiva haos perseguir e ha tingui-lo seu nome coas palabras destinadas á indignidade e á deshonra.

 Así. Do mesmo xeito que nós hoxe lembramos con carraxe e noxo a aqueles que cubriron de amargura a vida do noso pobo.

Que así sexa!

PD: O día vinte deste mes conmemorámos o 82 aniversario do paseo de 11 homes de Boimorto.

Comentarios