A Fiscalía Superior de Galiza ultima unha demanda masiva contra NGB polas preferentes

Carlos Varela, fiscal superior da Galiza, informou que a entidade que dirixe prepara unha demanda civil de acción colectiva contra Novagalicia Banco (NGB) pola posíbel existencia de “cláusulas abusivas” nos contratos das participacións preferentes
photo_camera Mobilización de afecftad@s polas preferentes

A loita sen tregua dos milleiros de persoas afectadas polas participacións preferentes semella que pode acadar unha primeira vitoria, aínda que sexa prematuro calificala así. Mais o simple feito de que a Fiscalía da Galiza tome cartas no asunto é un avance. Carlos Varela, fiscal superior da Galiza, informou hoxe que a entidade que dirixe prepara unha demanda civil de acción colectiva contra Novagalicia Banco (NGB) pola posíbel existencia de “cláusulas abusivas” nos contratos das participacións preferentes.

A fiscalía estaría a estudar centos de casos (hai en torno a 70.000 galeg@s afectad@s, d@ cales a metade serían por NGB) e a demanda masiva podería ser presentada nas vindeiras semanas, segundo recollen diversos medios de comunicación.

Uns 400 contratos sobre preferentes foron remitidos á Fiscalía desde diveras oficinas de defensa d@ consumidor@ do país, un número ao que hai que engadir o cento das presentadas por particulares da provincia de Pontevedra.

Actualmente estaríase en fase de investigación e análise. Unha vez que esta finalice, daríase paso a unha demanda de acción colectiva nun xulgado da Coruña (pois é nesta cidade onde NGB ten a súa sede social). De considerar o xuíz que as cláusulas dos contratos das preferentes son abusivas poderíase abrir a porta a unha liberación dos fondos.

Comentarios