A fiscalía pide 5 anos de prisión para 2 sindicalistas da CIG

Os dous sindicalistas da central nacionalista, Antolín Alcántara e Víctor García, están acusados de desordes públicos e danos durante a folga do Metal de 2007
Folga metal de 2007 en Vigo
photo_camera Folga metal de 2007 en Vigo

A Confederación Intersindical Galega convoca unha concentración solidaria coincidindo co novo xuízo contra o secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara -proceso no que tamén está acusado o anterior responsábel do Naval do sindicato nacionalista Víctor García. A protesta desonvolverase ás portas dos Xulgados de Vigo este xoves día 7 de xuño a partir das 9.30 horas.

Nesta ocasión a petición fiscal elévase a cinco anos de prisión para cada un deles, xa que están acusados dun presunto delito de desordes públicos e danos pola ocupación do edificio da Xunta de Galiza na cidade durante a folga do Metal de 2007. Alcántara foi condenado recentemente a nove meses de cadea pola súa participación na folga do Metal de 2009, polo que unha nova condena podería supoñer o seu ingreso en prisión.

Na central nacionalista teñen moi claro que se trata dun “xuízo político” co que o poder económico e xudicial quere escarmentar o sindicalismo máis combativo e con maior capacidade de mobilización, particularmente o que representa o sector do Metal da provincia de Pontevedra. Nesta senso, sorprende que os dous compañeiros da CIG sexan os únicos procesados dun comité de folga integrado por 12 persoas, dúas por cada sindicato convocante (CIG, CCOO, UGT e CUT).

Comentarios