Os prezos da luz e o transporte dispáranse en 2013

O 2013 pesará máis nos petos d@s galeg@s. O ano comezará cunha suba de prezos nas portaxes, o billete de tren e das tradicionais luz e carburantes. Malia a queda do poder adquisitivo provocada polas sucesivas reducións salariais e as políticas de austeridade promovidas polos gobernos español e galego, a chegada do 2013 custará caro.

A 'costa de xaneiro' apertará máis unha vez o peto da cidadanía en que sumará o quinto ano de crise económica. Ás portas de 2013 as clases populares serán recibidas con máis un aumento dos prezos, nun país co índice de desemprego situado no 21%. Aliás do incremento do prezo dos carburantes ou o tabaco, Galiza comezará o vindeiro ano cun aumento do 2,4% do custo das portaxes dependentes do Estado español e de máis do 3% para os tramos de titulatidade galega como os que unen Carballo - A Coruña e Vigo - Baiona.

Tamén así, o transporte ferroviario será máis caro o vindeiro ano. Neste sentido, Renfe vén de anunciar que pretende aumentar nun 3% o prezo do billete de media distancia. A decisión adoptada, súmase ao incremento padecido após a suba do IVE aprobada en setembro polo goberno de Mariano Rajoy. Porén, o executivo español tamén deu luz verde ao aumento dos prezos no autobús interurbano que en 2013 custará até un 6,07% máis. O goberno español argúe a aprobación desta suba ao incremento do custo do combustíbel, que no entanto, tamén deberá afrontar a cidadanía coa chegada do novo ano. Gasolina e gasoil converteranse de novo en bens de luxo en gran medida debido á desaparición das exencións aos biocarburantes e á aplicación deste gravame sobre o consumidor final.

A luz subirá entre un 3% e un 7% entrementres o transporte interurbano aumetará máis do 6% o seu prezo

Asemade, partir desta terza feira, @s galeg@s pagarán, máis unha vez, un aumento do prezo dalgúns servizos básicos. Así pois, o recibo da luz podería subir entre un 3% e un 7% verbo do anuncio do ministro de Industria español de non intervir sobre as portaxes eléctricas e a aprobación dun outro mecanismo que se aplicará sobre as potencias situadas por riba dos 3 quilovatios. Pola contra, butano e gas natural manterán durante o primeiro semestre o seu prezo.

Malia que os indicadores amosan unha importante perda de poder adquisitivo entre as clases populares e que boa parte das medidas aprobadas desde os executivos español e galego seguen a supor graves consecuencias económicas para as familias --como o repagamento sanitario ou o desmantelamento dos servizos sociais, a chegada do 2013 virá da man dun custo maior.

Comentarios