A AGADIC convoca praza de coordinación e "Os da Ría" preséntanse

Desde que no mes de outubro, Xoán Carlos Fasero anunciara o abandono do seu posto de xerente para facerse cargo da SGAE do Noroeste, a AGADIC ficou descabezada e boa parte das liñas de acción, paralisadas. Co malestar cada vez máis acusado do sector, veñen de abrir unha convocatoria para cubrir o posto e, xa na brincadeira, "Os da Ría" anuncian que se presentan.

 
Os da Ría
photo_camera Os da Ría

Poucas posibilidades teñen "Os da Ría" para acadar o posto de "Coordinador-coordinadora do departamento de Xestión" que a AGADIC vén de convocar na súa páxina web. Á vista da convocatoria, a resolución virá da propia Consellería de Cultura, sen recorrer a ningún experto externo nin representante do sector para o concurso. O Secretario Xeral, a Subdirectora de Xestión e Coordinación Cultural e o Xefe de Servizo de Persoal compoñen a comisión que decidirá o nome da persoa que se porá á fronte da Axencia Galega de Industrias Culturais, con sede agora na Cidade da Cultura e vacante desde o mes de novembro nun dos momentos máis duros dos sectores empresariais da cultura.

Segundo a convocatoria que a Consellaría que ten á fronte a Xesús Vázquez vén de facer pública, a persoa que vaia dirixir a AGADIC terá unha retribución de 39.432,89 euros e, para se apresentar, só se require a condición de ter licenciatura.

Case catro meses despois de que Fasero abandonase AGADIC, son numerosas as ocasións nos que representantes dos sectores das artes escénicas reclamaron que se cubra o posto vacante. Só agora, a AGADIC anuncia a convocatoria do concurso, o que mesmo deu para brincadeira no xector, como no caso do vídeo do dúo "Os da Ría" que está a rular polas redes sociais.

Comentarios