A administración concursal deixa a xestión das empresas do Dépor en mans da firma que defendeu a un falanxista

O xestor concursal retira a Lendoiro e a súa contorna da polémica xestión do Playa Club ou a Deportienda pero concédella aos que foron avogados da familia do líder fascista local Juan Canalejo cando intentaron evitar que a este se lle retirasen as honras institucionais. Tamén defenderon a Jorge Dorribo. 

Deportienda
photo_camera Deportienda

O proceso xudicial ao que segue sometido un Deportivo en concurso de acredores e cunha grave débeda nas costas semella centrado nestes últimos días nas empresas que pertencen ao club, que segundo a administración que se fixo cargo da entidade están a xerar máis perdas que beneficios e das que pretende desprenderse. O complexo hostaleiro Playa Club, o diario impreso Deporsport ou a tenda de produtos branquiazuis que ocupa un baixo no estadio -que empregan a decenas de persoas que se teñen queixado da falta de información e incerteza na que viven- son algunhas das actividades implicadas e de que cuxa xestión foi apartada a directiva que preside Augusto César Lendoiro, o que tamén afecta a súa contorna, o que inclúe a familiares que teñen asumido postos nestas empresas, de feito o seu cuñado Felipe Marcos era o administrador único, función que a autoridade concursal cedeu agora á firma de avogados Graíño & Freire.

O despacho de xuristas coruñeses será o encargado de xestionar as diversas empresas do Deportivo. Mais, quen son os seus responsábeis Jesús Graíño e Alfonso Freire? O seu perfil amosa unhas características ideolóxicas moi concretas e polémicas. Un exemplo. En 2010, ambos avogados asumiron a defensa da memoria dun coñecido falanxista local dos anos 30.

A xestión das empresas do Deportivo, en mans de avogados defensores da memoria dun falanxista

Graíño e Freire foron os xuristas que apoiaron a demanda da familia de Juan Canalejo cando esta intentou que non se lle aplicara a Lei de Memoria Histórica e se lle retirasen as honras que a nivel local se lle concederon na Coruña durante a ditadura. O militar Juan Canalejo foi o fundador da Falanxe na cidade en 1933 e tamén o xefe territorial das “milicias” da FE-JONS, que cometeron numerosos actos terroristas a prol dun golpe reaccionario. Por estes motivos foi detido semanas antes do 18 de xullo de 1936, sendo logo asasinado en Paracuellos. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica cualifícao como “un pistoleiro”.

Pero os letrados que agora se fan cargo das empresas do Dépor defenderon hai tres anos que se trataba dun “falanxista sen nada que ver co franquismo”. Acusaron aos historiadores que se pronunciaron a favor da retirada de títulos, como unha rúa co seu nome, que foi aprobada polo concello -e que o PP mantén na neveira- de “mesturar xustiza con política” e mesmo definiron como “totalitarios” aos activistas pola memoria histórica das vítimas do fascismo en Galiza. O TSXG fallou a favor da eliminación das honras a Canalejo en contra da posición de Graíño e Freire.

Defensa de Jorque Dorribo

Así mesmo, a firma de avogados favorecida polo administrador concursal do Deportivo tamén participou noutros casos moi coñecidos, como o de presunta corrupción que foi bautizado como Operación Campión. Graíño e Freire defenderon a Jorge Dorribo e Arsenio Méndez, donos de Nupel e principais protagonistas nunha suposta trama de favores irregulares pola que ambos xa foron condenados por falsa contabilidade.  

Comentarios