A Academia airéase co Portal das Palabras

“Ser divertidos e de utilidade”. É o desexo da Real Academia Galega á hora de presentar o Portal das Palabras, unha plataforma que buscar airear, modernizar, dinamizar e abrir a institución de Tabernas á sociedade por medio das palabras. 

Manuel González e Antón Santamarina nunha imaxe do portal
photo_camera Manuel González e Antón Santamarina nunha imaxe do portal

As palabras son as protagonistas e, a través dela, no “Portal das Palabras”, a iniciativa que hoxe se botou a andar promovida pola Real Academia Galega máis a Fundación Barrié, pódense atopar vídeos, xogos ou noticias arredor da semántica da nosa lingua. 

A Academia busca tirar o po e abrirse e, desta maneira, os propios académicos e académicas saen á pantalla para explicar dúbidas e contidos semánticos, a plataforma recibe preguntas da cidadanía e pódese consultar a través de teléfonos ou tabletas. Unha modernización que se aprecia mesmo no rexistro empregado pola institución, moito menos ríxido e máis cercano ás novas xeracións. 

“Xa fedellastes? Xa xogastes? Se o teu é a curiosidade polas palabras, somos o teu portal!”. Así, nin máis nin menos, anima a RAG a consultar o novo portal a través de twitter, a rede na que a nova iniciativa se promove desde hoxe. Na plataforma recóllense tamén recursos didácticos para a aplicación nas aulas. Seccións imaxinativas e dinámicas segmentan o portal que inclúe un espazo para as "palabras de moda". "Canto sabes", "dimo con letras" e "A ver se das?" son os tres xogos que están en portada, canda, por exemplo, palabras asinadas que amadriñan persoas coñecidas. 

Á presentación asistiron ademais do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero e o da Fundación Barrié, José María Arias, o secretario da RAG Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez e Xesús Ferro tamén da directiva da Academia. Como “acontecemento no eido da lexicografía galega” definiu o portal Alonso Montero, que presenta esta iniciativa na que a Academia leva máis de un ano traballando. 

Sumar o traballo do Seminario de Lexicografía xunto coas innovacións tecnolóxicas e as aplicacións didácticas foron os tres elementos que destacou Henrique Monteagudo deste proxecto que responde, ao seu ver, a vocación de servizo da Academia á sociedade galega de hoxe. 

O convenio entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié foi asinado a comezos do ano 2012. 

Comentarios