Os 94.000 votos sen escano do BNG e os 52.000 do PRC que si o ten

A Lei D'Hont é o sistema proporcional que se utiliza nas eleccións españolas para o reparto de cadeiras nas cámaras en base a cada circunscrición, que para as xerais é a provincia. O escano non vale o mesmo en cada unha delas.

Colexio electoral na Coruña
photo_camera Colexio electoral na Coruña

O BNG obtivo este domingo 93.810 votos e ficou sen cadeira no Congreso. O Front Republicà logrou o apoio de 113.008 electores e electoras mais non terá representante nas Cortes españolas. Pacma, pola súa banda, sumou ao seu favor 326.000 sufraxios e non obtivo nin un escano. No outro extremo está o PRC, o Partido Regionalista de Cantabria, que con 52.197 votos atinxe un deputado, ou Navarra Suma, que grazas aos seus 100.000 votantes logra meter dous representantes en Madrid.

O Congreso español fórmano 350 deputados e deputadas. Son electos en base a un reparto por circunscrición (provincia, neste caso) que se fai segundo a Loreg, a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral. Aquí fíxase que todas as provincias elixirán como mínimo dous escanos (Ceuta e Melilla unha cada unha) e o resto repártese segundo a poboación. Así, por exemplo, nas catro provincias galegas elixíronse 23 deputados e deputadas, que son 4 menos que nas primeiras eleccións ás Cortes españolas após a morte de Franco, un exemplo da perda de peso poboacional do noso país.

As circunscricións polas que se elixen máis representantes son Madrid (36) e Barcelona (31) e nas que menos Soria (2). No caso galego, pola Coruña escóllense 8 representantes e por Pontevedra 7, Lugo e Ourense teñen 4 cada unha.

O reparto de votos por escano, vistos os resultados do 28A, aponta como o que logrou o mellor rendemento ao PRC cántabro, que cos 52.000 votos tivo un deputado. Mentres, Compromís logrou 1 deputado e tivo 172.000 votos. Ao PP 'saíulle' a cadeira no Congreso a 66.000 votos, ao PSOE a 60.000 e a Unidas-Podemos a 89.000.

Nas elecciòns xerais úsase a Lei D'Hont, creada no XIX, para o reparto de escanos. Un sistema que tamén se emprega noutros Estados, como Xapón, Irlanda ou Arxentina, entre outros.

Que se fai en base circunscricióni? Exclúense en cada circunscrición as candidaturas que non chegen a 3% dos votos. Co resto ordénanse de maior a menor os votos obtidos e divídense entre 1,2,3... até o número de representantes que se elixen por esa circunscrición. Por exemplo, 4 no caso de Lugo.

Eses escanos vanse atribuíndo ás candidaturas que obteñan os cocientes maiores, atendendo a unha orde decrecente.

Indo ao exemplo de Lugo (4 escanos):

PP: 66.717 votos

PSOE: 65.978

En Común-Unidas Podemos: 20.127

BNG: 9.599

Partido / Votos divididos entre 1 / entre 2 / entre 3 / e entre 4:

PP: 66.717, 33.358, 22.239 e 16.679

PSOE: 65.978, 32.985, 21.992 e 16.492

UP: 20.127, 10.063, 6.709 e 5.031

BNG: 9.599, 4.799, 3.199 e 2.399

Os catro escanos van, pois:

Escano 1: para os 66.717 votos do PP

Escano 2: para os 65.978 votos do PSOE

Escanos 3: para os 33.358 votos do PP

Escano 4: para os 32.985 votos do PSOE

O sistema beneficia os partidos maioritarios e prexudica os minoritarios (en cada circunscrición). Optouse por el no seu día, de feito, para intentar garantir e facilitar no Estado español da Transición un mapa político que non fose múltiple, senón con poucos partidos. Os seus valedores indican que é un sistema máis xusto que o proprocional puro, que é o que se usa en Gran Bretaña, en que só obtén representación na circunscrición quen ten máis votos nela.

Desde o nacionalismo apostouse tradicionalmente en que Galiza fose considerada unha circunscrición única e non se divise en provincias a nivel electoral. Este domingo para elixir 23 deputados e deputadas votaron 1.657.485 persoas. Cada escano 'sae' a 72.064 votos. O BNG obtivo este domingo máis de 93.000.

Comentarios