En 855 aldeas galegas xa só vive un veciño. Un único habitante que garda memoria e lembranza da vida nestes núcleos antano poboados, da veciñanza, das familias, crianzas, traballos, convivios, festas... entidades mesmo con capela ou igrexa, até escolas, e das que xa só fica unha única persoa habitándoas. O despoboamento do rural galego tradúcese en desertización, abandono e perda. O máis que probábel destino destas 855 aldeas cun único veciño será engrosar a listaxe dos núcleos deshabitados. En Galiza, 1.669. O que supón 55 máis que no ano anterior, cando eran 1.614.
Mais os datos do Instituto Galego de estatística non deixan moito espazo para a esperanza. Hai 1.116 núcleos de poboación no noso país con 2 habitantes, situándose tamén ao bordo da desaparición. Estamos, pois, a falar de que perto de 2.000 aldeas van pasar a estar totalmente deshabitadas, abanonadas, en breve.
Unha imaxe da problemática á que nos afrontamos é que se sumamos os núcleos abanonados en todo o resto de territorios do Estado, o seu número non acada as que están nesa situación no noso país. Son 1.669 as entidades sen habitantes en Galiza e as sumadas do resto do Estado son 1.618. Asturies, o segundo territorio, tras Galiza, en número de aldeas bandonadas, ten 696. E Castalea-León, terceira neste ranking de abandono, 242.
A dinámica de abandono non ten visos de reverterse. En 2015 foron, diciamos, 55 os núcleos galegos que ficaron deshabitados. O ano anterior, 75. E o 2013, 70. E no 2012, 61 foron as entidades que quedaron baleiras. E así nunha dinámica que vén de hai décadas.