Pendurado no portal web da revista galega de historia, Murguía, e intitulado 1982-2013: Galiza pola Soberanía, 18 historiadoras e historiadores do país lanzaron un manifesto con motivo do 81º aniversario da Asemblea de concellos de Galiza pro-estatuto.
Coa lembranza daquela reunión, na que unha nutrida representación de administracións locais, outras institucións e partidos políticos da época amosaron o seu desexo de que Galiza contase cun marco legal que pautara a súa realidade nacional un grupo de historiadoras e historiadores entre os que se atopan Francisco Carballo, Manuel Monge, Anselmo López Carreira e Encarna Otero, quixeron editar un manifesto no que reivindicar o dereito do pobo galego a decicir.
Daquela xuntanza, lembran @s historiador@s, sairía aprobado un texto que anos despois sería redactado como Estatuto de Autonomía e votado de maneira favorábel através dunha consulta popular polo 73% dos votos emitidos válidos.
As persoas asinantes apelan á realidade diferencial de Galiza e alertan de que o proceso re-centralizador español de patrón unitario acrecenta a súa equiparación como "apéndice de España"
Recuperar o status histórico de Galiza
"Como historiadores e historiadoras queremos lembrar aquel decisivo e exemplar encontro, apelando á sensibilidade e responsabilidade do pobo galego no tocante a esa súa, nosa, realidade diferencial", sinalan no manifesto publicado.
Nun momento, afirman, en que "o idioma precisa urxentemente de novas xeracións" de falantes "que aseguren o seu futuro" mais tamén, acrecentan, perante unha realidade política e económica na que "os nosos sectores produtivos" fican "especialmente desatendidos" con centros de decisión "lonxe dos nosos intereses e problemáticas".
Neste senso, valorizan "de grande interese" todas aquelas propostas que, din, "promovan a vertebración social do dereito a decidir do pobo galego". Aliás, amosan o seu apoio, como tal, á iniciativa social Galiza pola Soberanía á que se adhiren con este manifesto mais tamén, á que chaman a se incorporar a toda aquela cidadanía que procure un Estado de seu para Galiza, algo, enfatizan, que non sería senón "recuperar a través dun proceso autodeterminista, baseado na autoorganización, o que foi o seu status histórico durante séculos".
Eis a listaxe completa de asinantes:
Francisco Carballo, historiador e docente.
Dionísio Pereira, historiador.
Carlos F. Velasco Souto, historiador e docente.
Xoán Carlos Garrido Couceiro, historiador e docente.
Xosé Estévez, historiador e docente.
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, historiador e docente.
Manuel Monge, historiador e docente.
Anselmo López Carreira, historiador e docente.
Luis Chapela Bermúdez, historiador.
Andrés Dacosta Paz, historiador.
Encarna Otero Cepeda, historiadora e docente.
Bernardo Máiz Vázquez, historiador e docente.
Alexandra Cabana Outeiro, historiadora e docente.
Antón Somoza, historiador.
Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, historiador e docente.
Manuel Pazos Gómez, historiador.
Alberto Lago Villaverde, historiador e docente.
Raúl Soutelo Vázquez, historiador e docente.
Prudencio Viveiro Mogo, historiador