O Goberno español remite a Bruxelas a reforma das pensións que aumenta a base de cálculo

755.000 persoas agardan pola prórroga dos ERTE

O Goberno, a patronal e os sindicatos estatais volven á mesa de diálogo co obxectivo de prorrogar os ERTE até o 31 de maio. Mentres o acordo nesta materia semella próximo, as diverxencias entre os axentes sociais e o Executivo non deixan de medrar a conta da reforma das pensións e da lexislación laboral.
1
photo_camera Yolanda Díaz e José Luis Escrivá levan o peso das negociacións coa patronal e sindicatos. (Foto: Goberno de España)

Goberno español e axentes sociais están convocados para a quinta feira coa intención de fechar unha ampliación do prazo de duración dos Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) máis alá do 31 de xaneiro.

Na reunión da segunda feira presidida pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, non deron pactado unha solución para os 755.000 traballadores incluídos nos ERTE, mais agardan que na próxima xuntanza, onde ademais de Díaz participarán o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, e a de Economía, Nadia Calviño, sexa posíbel atopar un punto de encontro.

Os diversos actores da negociación discrepan sobre o estado da mesma. Mentres Escrivá comenta nas súas redes sociais que “os aspectos pendentes se poden fechar e renovar con suficiente antelación con este mecanismo, que está sendo chave na pandemia”, a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), representada na reunión por Antonio Garamendi e Gerardo Cuerva, garda silencio.

Pola súa banda, a Unión Xeral de Traballadores (UXT) sinala por boca do seu secretario xeral, Josep María Álvarez, que non se “produciron avances”, mentres Comisións Obreiras (CCOO) fai “unha valoración positiva”.

Os axentes implicados no diálogo evitan dar importancia a estas diverxencias. Porén, a opinión máis estendida dá por feita a continuidade no esencial do modelo de ERTE acordado en setembro de 2020.

Manteríase até o 1 de xuño a prestación de desemprego por 70% da base reguladora e as exencións das cotas empresariais oscilarían entre 70% e 100%, porén a patronal solicita que se permita despedir as persoas incorporadas nesa situación, limitándose á devolución das axudas ao custo dese persoal traballador.

As pensións

O primeiro encontro entre o Executivo estatal e os axentes sociais decorreu o mesmo día no que se fixo pública a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de enviar a Bruxelas a proposta de reforma do réxime das pensións, que amplía a base de cálculo a 35 anos.

Malia que as organizacións sindicais e Unidas Podemos xa teñen manifestado a súa oposición frontal á modificación lexislativa polo importante recorte na contía final das xubilacións, o Executivo remitiu o documento á Unión Europea (UE) dentro do paquete de medidas propostas para acceder aos fondos de axuda.

A proposta de reforma das pensións impulsada polo ministro José Luis Escrivá responde ás esixencias da Comisión Europea. A este respecto, as autoridades comunitarias advirten de que as medidas aprobadas en abril pola UE non son recomendacións como as recollidas anteriormente no coñecido como “semestre europeo”, senón disposicións de obrigado cumprimento.

Neste sentido, desde o Executivo español sinalan que os termos da mudanza das pensións están na liña do reclamado desde a UE e dan por feita a súa aprobación, malia seren conscientes de que os enfronta ás organizacións sindicais e a unha parte da esquerda e das forzas nacionalistas que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez.

A reforma laboral é outra das cuestións que causa maiores discrepancias. As organizacións sindicais e o groso da esquerda e das forzas nacionalistas esixen pór remate ao marco lexislativo aprobado polo Goberno de Mariano Raxoi, que ten repercutido negativamente na perda de poder adquisitivo do conxunto da poboación.

Mais a área económica do Executivo de Sánchez decidiu non derrogala, argumentando que choca coas recomendacións da Comisión Europea. Nesta liña inciden en que o actual ordenamento laboral responde ás esixencias da UE e sinalan que non hai marxe nesta conxuntura para abordar unha proposta recollida no acordo de Goberno entre o PSOE e Unidas Podemos.

Comentarios