73% das galegas considera que na Galiza se debería estudar portugués

É un dos datos do primeiro estudo sobre o portugués na Galiza, feito polo Consello da Cultura Galega e que recolle que 60% da cidadanía galega considera que ten competencia en portugués.

Rio Miño. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Río Miño, nun tramo entre Galiza e Portugal

A Unesco declarou en 2019 o 5 de maio como o Día Mundial da Lingua Portuguesa. Con tal motivo, o Consello da Cultura Galega (CCG) fixo público O valor do Portugués en Galicia, o primeiro grande estudo que analiza o uso, actitudes e ensino desta lingua no noso país.

O Observatorio da Cultura Galega realizou entre xullo e agosto de 2019 ese traballo, que permite coñecer a competencia en portugués e outras linguas estranxeiras; a actitude da cidadanía galega cara a esta lingua e o grao de coñecemento da chamada Lei Paz Andrade, que facilitou, entre outras medidas, que o portugués sexa unha materia que xa se pode estudar no ensino secundario na Galiza.

Para 82% dos galegos e galegas é a lingua estranxeira máis doada de aprender. Ademais, 73,2% da poboación considera que na Galiza deberíase estudar portugués porque “permite coñecer xente e facer negocios cos países de fala portuguesa”. 62% considera que a Xunta debería fomentar a aprendizaxe do portugués, 66% das entrevistadas verían ben ou moi ben que houbese unha materia de portugués nas escolas mais só o 17% sabe que xa é posible estudar esta lingua no ensino secundario.

O informe revela que “canto máis alta é esta competencia máis altos son os ingresos das persoas e que este nivel é máis frecuente na parte alta da escala de ocupacións laborais, o que parece apuntar a que saber portugués ten rendibilidade no mercado de traballo, igual que sucede con outras linguas estranxeiras”.

Agora ben, tamén conclúe que a cidadanía galega non percibe a mesma utilidade en todas as linguas estranxeiras. Así, mentres case a totalidade da poboación considera o inglés moi ou bastante útil, tal porcentaxe cae a 54% no caso do portugués. Para un terzo da poboación galega o portugués non axuda a prosperar na vida, non é útil que na infancia se aprenda nin fai falta estudalo.

Resultados sobre pluringüismo

Outra das principais novidades que achega este estudo é que se ofrecen datos da percepción da cidadanía galega sobre o plurilingüismo. Máis da metade da poboación galega non domina ningunha lingua estranxeira e 15,8% afirma dominar cando menos dúas. Neste marco xeral, o estudo considera que o portugués está presente entre as capacidades de 73% das persoas plurilingües galegas.

Canto máis urbano é o contorno e menor é a idade, mellor é a competencia en linguas estranxeiras. O nivel de estudos, a ocupación e o salario son outras variables relacionadas positivamente co plurilingüismo.

O estudo detecta que “as persoas con competencias altas en galego semellan ter máis facilidade para os idiomas” e tamén que “os suxeitos con mellor competencia lingüística en galego teñen mellor competencia en portugués e tamén favorece a competencia en inglés, francés e incluso alemán”.

Paz Andrade

Por último, respecto da chamada Lei Paz Andrade (aprobada en 2014 e resultado dunha Iniciativa Lexislativa Popular) o estudo conclúe que as persoas máis novas, os habitantes dos municipios próximos a Portugal e os que amosan unha prevalencia de Galiza no seu sentimento nacional son os que mellor a coñecen.

Comentarios