65 filmes na nova edición de Curtocircuíto

O festival compostelán de curtas acollerá 65 fitas ademais de moitas outras actividades, que incluirán encontros abertos con directores como Abel Ferrara ou Sergei Loznitsa. 

circuito
photo_camera circuito

O Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine celebrarase en Compostela entre os días 3 e 9 de outubro. Ás habituais proxeccións no Teatro Principal e na sala NUMAX, concertos na Sala Capitol e actividades formativas no CGAC e o espazo Unitaria, únese este ano Riquela, unha sala de concertos recentemente inaugurada na rúa do Preguntoiro. Deste xeito, o festival continúa abríndose á cidade con diversas propostas de carácter multidisciplinar, onde a música, os ‘live’ cinemas e os obradoiros acompañarán ao programa de proxeccións audiovisuais.

O número de filmes inscritas a competición, 1.171 procedentes de 77 países, representan unha boa mostra da saúde do certame. O equipo de Curtocircuíto realizou unha escolma de 65 películas, de 19 nacionalidades diferentes, para participar nas categorías Radar, Explora, Penínsulas e Planeta GZ. Nesta edición obsérvase un incremento na porcentaxe de mulleres directoras na sección competitiva, acadando o 32.4%. En categorías como Planeta GZ esta porcentaxe increméntase ata o 48%.

Este ano, a sección Penínsulas pasa a ser competitiva, e a fita gañadora estará cualificada automaticamente para os premios Goya. Unha selección que recolle seis das películas españolas máis destacadas da temporada, nun programa de 1 hora e 40 minutos de duración. O apartado Planeta GZ recolle unha escolma de películas representativas da heteroxénea escena audiovisual galega, con traballos de cineastas como Carla Andrade, Lucía Vilela, Eloy Domínguez, Xurxo Chirro ou Diana Toucedo.

Nesta edición obsérvase un incremento na porcentaxe de mulleres directoras na sección competitiva, acadando o 32.4%.

Dentro da sección Radar, que presenta algúns dos traballos máis representativos do panorama internacional, poderanse ver os traballos de directores de relevancia internacional como Mark Rappaport, Erin Vassilopoulos, Gabriel Abrantes, Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, ademais do galego Alberto Vázquez, quen presenta en Galicia o seu último traballo Decorado, recentemente proxectada no festival de Toronto. Na sección Explora presenta pezas que dilúen a idea convencional do cine mediante a exploración de sendas innovadoras, próximas ao cine de vangarda, tamén haberá presencia galega, cos traballos de Alberte Pagán (A fundamental error) e Helena Girón (co-directora xunto a Samuel Delgado de Montañas ardientes que vomitan fuego).

Ferrara e Loznitsa

Dous convidados de excepción, o cineasta norteamericano Abel Ferrara e o documentalista ucraíno Sergei Loznitsa visitarán Compostela durante esta edición de Curtocircuíto. Dúas personalidades de sona internacional, que chegan ao festival despois do seu paso por citas como Cannes, Venecia ou a Berlinale.
Abel Ferrara visitará Curtocircuíto en calidade de programador, realizando un programa especial para o festival compostelán no que se poderán ver algunhas das obras que considera fundamentais na súa formación como director. O norteamericano tamén protagonizará un encontro co público do festival no Teatro Principal da cidade, onde tamén presentará algunhas das pezas que dirixiu nos anos 70. Por outra banda, a retrospectiva deste ano está adicada a Sergei Loznitsa, matemático de formación, quen, despois de traballar no Instituto Cibernético de Kiev empezou a dirixir documentais con grande éxito en 1997. A retrospectiva de Lonznitsa ofrecerá ao público a rara oportunidade de realizar un percorrido pola súa exquisita filmografía.

Actividades complementarias

Comprometidos coa formación, os obradoiros de Curtocircuíto contan cun protagonismo propio dentro da programación do festival. O CGAC acollerá tres obradoiros, impartidos por Jonathan Rosenbaum, Xabier Erkizia e Javi Álvarez. E tamén haberá concertos e ‘live’ cinemas.