59 orixinais concorren ao XI premio de poesía Victoriano Taibo

 É a maior participación colleitada por este certame até o de agora.

libros

O pasado 31 de xullo rematou o prazo de presentación ao certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns. A esta que xa é a décimo primeira edición concorren 59 orixinais, a maior participación colleitada por este certame até o de agora.

A decisión do xurado coñecerase na segunda quincena do mes de setembro e a entrega do premio terá lugar o día 17 de novembro. Nesta Edición e como adianto da celebración do vinte aniversario do IEM, celebrarase a I Semana Poética Victoriano Taibo, na que se aposta en que a poesía ocupe fachadas e espazos públicos durante os días previos á entrega do certame. Nesta Semana poética participarán diferentes autores e autoras e exhibiranse versos de Taibo, dos autores e autoras galardoados con este premio e outros autores galegos e universais que son referentes na poesía de todos os tempos.

Nas dez edicións anteriores resultaron galardoados as e os poetas: Carlos Negro con Cultivos Transxénicos, Mª Carmen Caramés con Cuarto Minguante, Elvira Riveiro e Silvia Penas con Biografía da Multitude, Mª Goretti Fariña con Devastacións dispoñibles, Calros Solla con Holocausto Zacoe, Conchita Álvarez Lebredo con Distancias e Simetrías, Ramón Sandoval con Territorios Estraños, Lara Rozados con O caderno amarelo, Iñaki Varela con Do outro lado das portas, Xosé Iglesias con A relixión do mar e Rafa Vilar por Erosións.

Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lendas (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, Abicedo e Cabrinfollas, que foron publicados en 2008 pola editorial Follas Novas, edición dirixida por Armando Requeixo; ademais conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana.

Comentarios