ORGANIZA A REDE MUSEíSTICA DE LUGO

48 relatoras para debater sobre xénero, arte, museos e educación

Os distintos espazos da Rede Museística de Lugo acollen na primeira quincena do mes o III Congreso Xénero, Museos, Arte e Educación, no que este ano participan un total de 48 relatoras.

[Imaxe: DeDForever] Actividade na primeira xornada
photo_camera [Imaxe: DeDForever] Actividade na primeira xornada

Organizada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, a terceira edición do Congreso Xénero, Museos, Arte e Educación incorpora como novidade a vertente pedagóxica, dirixida á formación do profesorado. “Conscientes de que a transformación comeza na educación, quixemos incorporar un bloque sobre a formación en igualdade”, explican en declaracións a Sermos Galiza fontes da organización do congreso, que avogan por ofrecer ferramentas que promovan espazos transversais de igualdade nas aulas.

En total, na presente edición –que comezou o día 3 e que continuará os días 8, 9,11 e 12 de marzo- participan un total de 48 relatoras de procedencia nacional e internacional que estruturarán as súas intervencións arredor da museoloxía, educación, comunicación e arte en cinco bloques. “O obxectivo pasa por facernos partícipes dos seus proxectos e de fomentar o debate”, sinalan as mesmas fontes, que confirman que as prazas xa se esgotaron aos poucos días de se abrir a inscrición.

Xosé Ferreiro: "Se a sociedade non é consciente da desigualdade, malamente poderemos adoptar medidas para atallala"

En declaracións a Sermos Galiza, o delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, puxo de manifesto que este congreso quere contribuír a que a desigualdade que pesa sobre as mulleres se visualice. “Se a sociedade non é consciente da desigualdade, malamente poderemos adoptar medidas para atallala”, sinalou. “Aínda que non posuímos competencias directas no ámbito da igualdade, desde Cultura actuamos sobre aspectos transversais e a mellor maneira de promover a igualdade é dar exemplo”, engadiu.

Xosé Ferreiro explica que este Congreso “aborda a igualdade de xénero formulándose varias cuestións: cal é o papel das mulleres creadoras na Galiza? Cal é a difusión dos seus traballos nos espazos culturais, nas mencións, bolsas e premios? Como calla o pensamento feminista de finais do século XX no tecido cultural e social do noso País? De que maneira as mulleres poden desenvolverse como investigadoras e participantes no progreso da nosa sociedade? Con este Congreso queremos dar resposta a estes interrogantes, buscando solucións”.

Un Congreso en cinco bloques

O primeiro dos bloques, que se desenvolveu na xornada do día 3 de marzo, tratou sobre Muller, Arte e Capacidades diferentes e contou coas intervencións de Encarna Lago, Paula Cabaleiro, Mery Pais, Mónica Mura e Mónica Álvarez, amais de Jorge García, Beatriz Fernández, Soledad Fernández, Mariola Mourelo e Miguel Salas. A xornada desta terza feira (8 de marzo) centrarase no segundo dos bloques, arredor do Xénero e do Activismo, coa participación da Asociación Enriqueta Otero, Micaela Fernández Darriba, Marta Rodríguez Engroba, Cristina Palacios Castro, María Sánchez e Daboapipa “Lavandeiras”.

Na cuarta feira (9 de marzo) terá lugar o terceiro dos bloques, dedicado á xornada de formación do profesorado, coas palestras sobre Xénero, Comunicación e Linguaxe, das que participan Goretti Sanmartín, Mercedes Queixas, Kathleen March, Luz Darriba e Carme Vidal. Na sexta feira (11 de marzo) desenvolverase o cuarto bloque, sobre Xénero e Museos, con Ana Moreno, Sara Pérez, Teresa Alario, Patricia Torres, Estela González, Montse Boher, Silvia Blanco, Araceli Corbo, Nuria Rivero e Encarna Lago.

O congreso fecha o sábado 12 co quinto bloque, que se dedicará ao Xénero e a Arte. Participan desta derradeira xornada Anxela Caramés, Marta Álvarez, Bárbara G. Vilariño, Cristina Fernández, Fátima Cobo, Cristina Labandeira, Dorinda Mato, Mar Caldas, Marián López, Amelia Aguado e Victoria Falcó.

O A Fondo, dedicado ao Congreso

Sermos Galiza dedicoulle o A FONDO do último semanario a este Congreso. O monográfico conta con artigos de Kathleen March, Goretti Sanmartín, Paula Cabaleiro e Anxela Caramés e inclúe unha entrevista co deputado Xosé Ferreiro. Xa á venda na loxa.

Comentarios