"Todo é debatíbel menos o consenso do que nace En Marea"

Falo co portavoz nacional de Anova no seu despacho no Parlamento galego. O ambiente no mundo das mareas está algo enrarecido pola polémica levantada por unha iniciativa de Lidia Senra sobre a obrigatoriedade das vacinas, que Anova non partilla. En todo caso, Antón Sánchez defende con paixón a vixencia da fórmula da unidade popular. É, alega, unha exixencia das cidadás. E con idéntica enerxía enarbora os principios fundacionais de En Marea, a comezar pola consideración da Galiza como un suxeito político con direito a decidilo todo. É a entrevista política do Sermos276. Eis un avanzo da conversa.

Antón Sánchez
photo_camera Antón Sánchez

-Anova está a realizar por todo o territorio o que lle chamades a Rolda das Xeiras. Cal é o propósito que as anima?

-Ben, é unha metodoloxía que vimos ensaiando desde case o nacimento de Anova. Son procesos de reflexión colectiva abertos non só á militancia de Anova, senón a xente que se queira achegar. Neste caso, o que estamos facendo é unha reflexión cara prioritariamente o papel de Anova dentro das candidaturas municipais, das Mareas, das listas de unidade popular cara ás eleccións de 2019. Nese sentido, a nosa aposta é clara a prol das candidaturas de unidade popular nos concellos, que son as Mareas. O que queremos é debater un pouco de como as consolidar e de como axudar a ampliar ese espazo.

-E a reflexión inicial, a que abre este proceso, parte digamos de certa satisfacción sobre o papel de Anova nesas candidaturas ou hai descontento?

-Anova ten a satisfacción de que apostamos desde o primeiro momento pola unidade. En maio de 2014, quero lembrar, a coordenadora nacional xa fixo unha resolución na que determinaba as condicións en que concorrería Anova ás eleccións municipais. A primeira opción era que alá onde houbese candidaturas de unidade popular a militancia de Anova participaría a título individual. E así o fixemos. E só onde non houbo esas listas apresentou Anova unha candidatura propia. Fomos moi consecuentes con ese acordo. Practicámolo na maioría moi abrumadora dos casos. A xente de Anova deu exemplo de colaboración e participación e de ser uns máis dentro das mareas. É unha cuestión a consolidar no país.

politica-Ti es o portavoz nacional de Anova. Neste momento, aínda que é unha pergunta un tanto esquemática, cales dirías que son as fortalezas e cales as debilidades da organización? Dígoo do ponto de vista orgánico.

-Ben, nós cremos que temos unha aposta moi clara. Primeiro pola unidade popular, pero unidade popular en clave de ruptura, de que Galiza é un suxeito político soberano e que non debe estar subordinada a nengún outro interese, aínda que estabeleza alianzas con forzas doutras nacións e do Estado español. É unha aposta sempre nesas claves e nunha perspectiva de confrontación co réxime de 1978. Como organización somos unha forza nova, embora nos últimos anos pasasen moitas cousas e puidese semellar que non o é tanto. É nova. E, claro, non houbo tempo de a consolidar como organización a nível de todo o país. Hai que lembrar que en xuño de 2012 tiñamos a asemblea constituínte e en outubro concorríamos ás eleccións galegas con 9 deputados de AGE e a partir daí foi unha especie de voráxine e de pasos adiantes na construción da unidade popular. Un proceso no que Anova envorcou moitísimas enerxías, un proceso que tamén nos provocou moitas tensións internas. Esta entrega é unha mostra de xenerosidade por parte de Anova. O noso obxectivo nunca foi a defensa da organización política como fin en si mesmo, senón a construción dunha ferramenta útil para as maiorías deste país. En todo caso, por suposto que hai moitas cousas en que temos que mellorar. Temos que acortar a distancia entre o que dicimos ser e o que somos como organización. Temos que ser unha forza verdadeiramente asemblearia, no sentido de que funcionen as asembleas, de que participe moita máis xente na toma de decisións. E temos que ter maior capacidade de produción de alternativas políticas para o país en moitos dos sectores. 

(...)

-O liderado de Luís Villares ao fronte de En Marea como o ves neste momento?

-Nós insistimos sempre que os debates non deben cinguirse só aos nomes, que se lle deu excesiva importancia a este asunto nun momento en que había moitas cousas que debater  para a construción de En Marea como suxeito útil para este país. Eu con Luís Villares no Parlamento galego traballo para facer un bon labor e niso é no que estamos centrados.

A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos276, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais.

Máis en POLÍTICA
Comentarios