Vídeo con Juan Martín Guevara

"Porque meu pai se chamaba Ernesto, el era Ernestito. E seguiu sendo Ernestito sendo o Che"

Juan Martín Guevara visitou a redacción de Sermos e mantivemos unha longa conversa con el. Unha parte dela xa viu a luz en forma de entrevista. Agora disponibilizamos un vídeo de tres minutos en que o irmao do Che até nos conduce pola intimidade familiar para nos oferecer a face máis humana do mito Guevara.

Na entrevista Juan Martín Guevara revélanos algunhas das chaves do seu libro, Meu Irmao Che.

"O Che que mostra o libro é o Che metido na familia. O Che mozo. O Che que eu coñezo é o Che adolescente novo", relata o irmao máis pequeno do revolucionario arxentino, el propio un activista político que pola súa militancia acabou por cumprir oito anos de condena nas cadeas da ditadura militar. "No libro eu tamén conto cousas da familia para que tamén se entenda ben a infancia", esclarece.

"Nós na familia non estabamos a pensar: 'este que temos a carón vai ser o Che'. Non, é Ernestito. Porque meu pai se chamaba Ernesto, el era Ernestito. E seguiu sendo Ernestito sendo o Che", detalla Juan Martín Guevara nunha divertida evocación da súa propia infancia.

No vídeo, Juan Martín recomenda textos para comezar a leitura das obras do Che -pór en destaque a súa condición de pensador é unha das tarefas ás que el dedica maiores esforzos- e fai tamén unha reflexión sobre como desde o guevarismo se albisca o futuro da humanidade.

Comentarios