Do 7 ao 28 de novembro

300 filmes na 32ª edición da mostra Cineuropa en Compostela

É unha das citas por excelencia do outono cultural compostelán. A mostra Cineuropa atinxe este ano a súa edición número 32 e proxectará 300 filmes. O primeiro, a cuarta feira 7 de novembro no Teatro Principal de Compostela: A noite dos 12 anos, do uruguaio Álvaro Brechner, centrada no encarceramento e torturas a Pepe Mújica durante a ditadura no país austral.

cineuropa32_escandalo - cartaz
photo_camera Detalle do cartaz da edición 32ª de Cineuropa. Foto: cedida.

Vinte e unha seccións conforman a labiríntica estrutura de exhibición de Cineuropa, cuxas sedes serán o emblemático Principal, o Salón Teatro, a sede de Afundación, Numax, o Auditorio de Galiza, os multicines Compostela e, como novos espazos, o centro cívico de Santa Marta e o Museo das Peregrinacións.

A Sección Oficial Europea contará coas obras de autoras e autores principais, moitos deles premiados nos máis prestixiosos festivais de Europa. O filme Entre dúas augas, de Isaki Lacuesta, Cuncha de Ouro en Donosti, será unha das pezas máis refulxentes. Traballos de Lázló Nemes, Florian Henckel, Paolo Sorrentino, Paolo Virzi ou Adina Pintilie -gañadora do Oso de Ouro en Berlín- farán parte do programa.

En Panorama Internacional haberá películas de Nuri Bilge Ceylan, Albertina Carri ou Mariano Llinás. Un ciclo especial repasará un século de cinema romanés, mentres Cult Movies [Filmes de Culto] terá “unha lembranza especial do cineasta Claude Lanzmann, autor da monumental Shoah.

“A marea ilusionantemente incontida do actual feminismo estará representada na sección O Presente é Muller, conformada por filmes de imprescindible visionado polas súas temáticas: o aborto, a violencia de xénero, a invisibilidade feminina nos grandes eventos históricos, a identidade e a libre sexualidade”, informaron desde a organización. O cinema galego protagonizará Panorama Audiovisual Galego e abeirará as primeiras longametraxes de Eloy Domínguez Serén e Xacio Baño.

Cineuropa, que dirixe o crítico e programador José Luis Losa, organízao o Concello de Compostela. Colaboran a Xunta, a Deputación e máis o Consorcio da cidade, e apoian numerosas empresas e institucións.

Comentarios